www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 4 de Xuño de 2020

Morrer en tempos de coronavirus: prohibidos os velorios e enterros con máis de tres persoas
Institucional • 1/04/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Redondela publica un novo bando atendendo ás directrices marcadas polas autoridades sanitarias que establecen medidas máis restritivas en relación a velorios e enterramentos. Unhas medidas que buscan evitar a propagación do coronavirus e que limitan ao máximo a asistencia aos actos de despedida. As empresas funerarias teñen a obriga de manter os prezos vixentes antes do 14 de marzo.


Un endurecemento drástico en canto a normativa anterior e que prohibe os velorios en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas así como nos domicilios particulares. Ademais no acto de enterramento ou despedida para a cremación da persoa falecida, so poderán participar un máximo de tres familiares ou achegados, ademais, no seu caso, do ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto. En todo caso, deberase respectar sempre a distancia dun a dous metros entre eles. Mantense tamén a medida de pospoñer a celebración de cultos relixiosos ou cerimonias civís fúnebres ata a finalización do estado de alarma.


Ademais, logo de coñecérense casos nos que determinadas empresas incrementaron os prezos, establécese que durante o período de vixencia do estado de alarma "os prezos dos servizos funerarios non poderán ser superiores aos prezos vixentes con anterioridade ao 14 de marzo. No caso de servizos xa abonado a prezos superiores a esa data, a empresa funeraria deberá iniciar de oficio a devolución da diferenza. Igualmente, no caso de servizos contratados que non se podan prestar por motivo do estado de alarma, a empresa funeraria deberá proceder á súa devolución".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: