www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 4 de Agosto de 2020

Angela Ballesteros: "Este é o peor momento da miña vida, peor que a guerra porque daquela non estaba soa"
Sociedade • 27/03/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Os maiores son os grandes damnificados nesta pandemia. Por unha banda porque son os máis vulnerables ante un coronavirus que se está a cebar coa poboación de maior idade, e por outra banda, porque son moitos os que teñen que pasar o confinamento pechados na soidade dos seus fogares. É o caso de Angela Ballesteros. Esta veciña da parroquia de Chapela supera os 90 anos e, malia ter pasado por unha guerra, asegura que "esta situación está a ser a peor da miña vida, porque a estou pasando soa".


Pechada na casa, lonxe dos seus fillos, un vive en Ponteareas e outra en Zaragoza, malia recibir constantes chamadas telefónicas e a visita dunha persoas que vai tres días a semana a axudala nas tarefas da casa, estar pechada estáselle a facer moi custa arriba.


Acostumada a saír para ir a cursos de memoria, a facer ximnasia, a Cruz Vermella, ou mesmo a tomar café coas amigas, estar entre catro paredes non é doado para unha muller coa súa vitalidade.


Con todo, o confinamento está a ser total a estas alturas "nos primeiros días fixen acopio de comida e voume apañado, tamén lle encargo algo de froita fresca e verdura á persoa que me axuda". Un dos peores episodios que viviu foi no inicio do confinamento "fun a farmacia porque quedara sen medicación e rifáronme por saír da casa, pasei toda a tarde chorando". Foi aí onde máis agradeceu as palabras de ánimo dos voluntarios que estes días a están a chamar. Unhas chamadas telefónicas que para os maiores son imprescindibles para manter os folgos.


"Non lle teño medo a morte, pero si a sufrir" conclúe.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: