www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 10 de Abril de 2020

Adeus a petiscar durante o confinamento
Sociedade • 25/03/2020
Autor: Lorena Otero

 

Este é o reto que nos propón a dietista redondelá Lola Poza para este período no que pasamos as 24 horas do día na casa. O noso estado anímico, sentimentos como o aburrimento, a ansiedade, o medo, a soidade pódennos conducir ao frigorífico cada pouco tempo. A solución, planificar e organizar as nosas comidas, nas que non poden faltar as hortalizas, froitas e sobre todo os produtos de calidade. Evitar as dietas monótonas e repetitivas e aproveitar este tempo para mellorar as nosas dotes culinarias.


O confinamento como unha oportunidade para mellorar a nosa alimentación. Esta é a proposta que nos fai a dietista redondelá Lola Poza quen lanza unha mensaxe de responsabilidade á hora de acudir aos supermercados, tanto polo nosa saúde como para a do resto, porque lembra “o subministro de alimentos está garantido”.


Recomenda facer unha lista da compra razoable ao igual que á hora de planificar as nosas comidas o que nos pode axudar a facer máis levadeiro o confinamento. Aproveitar para coñecer novos pratos, para experimentar coas tixolas e sobre todo gozar de todo o proceso desde a elaboración até a sobremesa coas persoas que nos acompañan. Tamén implicar aos nenos xa que cociñar pode ser unha actividade de aprendizaxe ademais de divertida. E non debemos esquecer cinco pautas básicas: planificar o menú, elaborar pratos saudables, prioridade ás verduras e froitas, comer con consciencia e nada de comida lixo.


Para os maiores, Lola Poza, recomenda que non deixen de facer exercizo e sobre todo que fagan unha dieta de calidade onde o verde sexa o protagonista pero tamén os peixes azuis. Tampouco deben faltar as proteínas, a fibra e os hidratos de carbono, aínda que estes deben ser preferentemente integrais e pola noite.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: