www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 13 de Xullo de 2020

A industria cultural tamén baixa o telón
Sociedade • 16/03/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O parón xeneralizado polo coronavirus cancelou de golpe todas as actividades culturais previstas dende hai practicamente unha semana. Os empresarios do sector confían en que a situación se supere canto antes e que o público volva encher as salas a curto prazo. Xandre Vázquez, promotor de obras infantís como Carapuchiña, Os tres porquiños ou Pinocho, vive con incerteza e preocupación as cancelacións dos bolos que tiña contratados para estas semanas.


A situación de excepcionalidade que vivimos estes días aféctanos a todos e todas, malia que existen sectores económicos que viven estas xornadas con maior incerteza se cabe. Pensamos nos hostaleiros, nas axencias de viaxes, no pequeno comercio... pero tamén nas empresas culturais. Trátase na maior parte dos casos de pequenas empresas que teñen como obxecto principal a produción, promoción e difusión de bens e actividades de contido cultural e foi un dos primeiros sectores en verse afectado pola crise creada pola expansión do COVID 19.


Así, un destes pequenos empresarios, Xandre Vázquez, veciño de Redondela e responsable de Educateatro explica que "xa antes de decretarse o Estado de Alarma vimos como nos cancelaban varias actuacións ante o temor da expansión do coronavirus". Pendentes das medidas económicas que aplique o goberno e das que se poidan beneficiar, son conscientes de que o seu futuro está condicionado a evolución da crise aínda que xa dan por perdido "un dos mellores meses para o teatro, como é o de marzo, e moito nos tememos que a situación aínda se prolongo unhas semanas".


Confían en todo caso que "unha vez nos recuperemos da situación actual, a xente regrese con ganas ao teatro, aos espectáculos culturais e volva encher as salas".


Un parón polas medidas de urxencia adoptadas polo goberno que, malia todo, aplauden "en ningún caso nos podiamos arriscar, sobre todo os que nos dedicamos aos espectáculos infantís, a que no público houbera un infectado e que o virus se estendera entre o patio de butacas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: