www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 9 de Xullo de 2020

Redondela pecha as piscinas, pavillóns deportivos, Bibliotecas, Multiúsos e o Museo Meirande
Institucional • 13/03/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Redondela vén de comunicar novas medidas de contención fronte o coronavirus, medidas que insiste a alcaldesa, Digna Rivas "buscan previr e evitar posibles contaxios" e que inclúen tamén restricións na atención ao público en dependencias municipais "que recibirán tan só a aqueles veciños con cita previa ou casos urxente" para evitar que se produzan aglomeracións. Tamén os parques infantís se blindan para evitar aglomeracións de nenos e nenas nestes espazos de xogo. 


Redondela pecha as dependencias municipais ante o Covid-19. Dende a tarde de hoxe venres permanecerán pechados ao público os pavillóns, piscinas municipais de Redondela e Chapela e os multiúsos da Xunqueira e o Piñeiral. Tamén se suman ao peche as bibliotecas municipais que hoxe xa permaneceron sen atención ao público, e o Museo Meirande.


A partir do luns comezarán xa as restrición no Concello atendendo tan só a aqueles veciños que teñan cita previa "o obxecto é evitar aglomeracións, polo que recomendamos que calquera cuestión se intente solucionar vía telemática ou vía telefónica no 986 400300".


Unhas decisións adoptadas polo Gabinete de Crise do Concello, no que están presentes a propia alcaldesa, Digna Rivas, así como os tres tenentes de alcalde, a Secretaria e o interventor municipal, encargado de analizar a evolución da crise e adoptar as medidas en consonancia.


A alcaldesa fai un chamamento á responsabilidade de todos "debe evitarse que os nenos se xunten con outros rapaces nos parques ou noutros espazos". Mesma recomendación para os adultos "que deben evitar na medida do posible entrar en contacto con outras persoas en lugares pechados, por lecer ou traballo".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: