www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Xullo de 2020

As mulleres do mar reivindican en Europa os seus dereitos
Sociedade • 13/03/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Son consciente de que "aínda hai moito machismo nas confrarías" algo que as anima aínda máis a seguir loitando pola igualdade nun sector no que as mulleres están moi invisiblizadas. Así o explican a presidenta de Amarturmar, Nuria Novelle e a vicepatroa da confraría, Ana Belén Sotelino quen logo de participar nunhas xornadas de pesca promovidas pola eurodiputada do BNG, Ana Miranda, tamén salientan que "as galegas, contra o que poderíamos pensar, somos un referente en Europa".


A súa voz non se puido escoitar na tarde de onte no acto que estaba previsto na Casa da Cultura e que, como tantos outros, foi finalmente suspendido dentro das medidas de contención do coronavirus. Un acto que se pospón ata nova data e no que se falará das mulleres do mar e do encontro que representantes de diferentes oficios mantiveron en Bruxelas no parlamento Europeo.


Unha xuntanza na que as mulleres compartiron experiencias con outros países como Irlanda, Croacia, Italia ou Portugal, e achegáronse as problemáticas que afectan a redeiras, percebeiras, recolledoras de algas, mariscadoras... mulleres todas elas que desenvolven oficios vencellados co mar.


Trasladaron ao organismo europeo a necesidade de visiblizar o seu traballo dentro do sector xa que hai casos como as mulleres recolledoras de algas que están no sector agrícola e non no pesqueiro. Unha cuestión que non é anecdótica, explica Novelle, xa que é preciso que todas esteamos baixo o mesmo paraugas "mulleres da pesca", para poder ter así peso nas mesas de negociacións. Un peso que lles serviría para avanzar en dereitos que a día de hoxe están descompensados cos seus compañeiros homes.


Un encontro moi positivo que lles serviu para poñer en valor e divulgar o seu traballo así como para decatarse de que "as galegas somos un referente en Europa en canto a organización" malia que "aínda hai moito machismo nas confrarías".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: