www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 9 de Xullo de 2020

O Concello lanza o seu plan de contención: suspende actos, promove a xestión telemática e reforza a limpeza
Institucional • 12/03/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A decisión da Xunta de suspender as clases a partir do vindeiro luns día 16 e durante 14 días é, sen ningunha dúbida, a que terá maior repercusión cara as familias que van ter complicado conciliar a vida laboral e familiar nas próximas dúas semanas. Con todo, tamén dende a Administración local se anunciaban hoxe outras accións que buscan conter a expansión do coronavirus, nun concello o de Redondela non que non se ten constancia da existencia de ningunha persoa contaxiada. Medidas como o peche de bibliotecas, cancelacións de actos culturais e suspensión da feira de Chapela.


O plan anunciado polo Concello e que busca atallar a propagación do coronavirus establece, entre outras medidas, a suspensión dos actos culturais previstos para esta fin de semana e organizados dende a Administración local. Quenda aprazadas así as actividades tanto exteriores como os actos organizados directamente polo Concello. Suspéndese tamén a feira de Chapela do vindeiro luns.


Préstase tamén especial atención as actividades orientadas en moitos casos a poboación de risco como poidan ser os cursos levados a cabo por Afaga e os de taichí, memoria e Preocupa, que quedan aprazados ao seren os seus alumnos persoas de idade.


Recoméndase á cidadanía evitar a realización de consultas presenciais nas oficinas do concello, aconsellando a utilización de medios telemáticos e telefónicos para a realización das xestións e consultas coa Administración Municipal sempre que resulte posible.


Outras das medidas adoptadas ten que ver co reforzo da limpeza nos edificios municipais empregando produtos desinfectantes dos elementos situados nas áreas común dos centros de traballo así como a colocación de dispensadores de solución hidroalcohólica en todos os centros, especialmente naqueles abertos ao público.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: