www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 12 de Xullo de 2020

A Coordinadora Contra a casa de apostas non tira a toalla e convoca novas mobilizacións
Sociedade • 10/03/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A concesión da licenza de apertura a este negocio supuxo un xerro de auga fría para os integrantes da Coordinadora, malia que eran conscientes de que iso podía pasar. Logo de reunirse este luns para valorar a situación acordaron retomar as mobilizacións convocando concentracións todos os luns no local da Rúa Ernestina Otero ás 18:00 horas. Pedirán tamén unha reunión con representantes da Xunta para intentar buscar algún resquicio que impida que se lle dea a licenza definitiva. Trasladaranlle tamén á empresa promotora deste negocio que "non son benvidos en Redondela".


Explica Mamer Santos García que é preciso incrementar as mobilizacións alo menos ata o 9 de abril que é a data límite para que a Xunta lles dea a licenza definitiva. Ata es data concentraranse todos os luns ás portas do local da Rúa Ernestina Otero que está a ser reformado para albergar a Casa de Apostas polo que solicitan "o apoio de todos os veciños".


Tamén queren reunirse coa Xunta para insistir en que hai determinadas cuestións que deben ser revisadas. Neste sentido fan referencia a esa proximidade co Conservatorio que eles insisten en que é menor do permitido pola lei, que establece 150 metros. Aquí entra en cuestión o xeito de medir "se o facemos en liña recta non se cumpre esa distancia mínima, pero os técnicos que fixeron as medicións optaron por facelo zig-zag, seguindo o percorrido que faría un peón". Unha cuestión polémica porque a lei non o especifica. Tamén porque, engade Mamer "na futura lei que debería entrar en vigor a curto prazo xa se establece unha distancia moito maior".


Outras das iniciativas é enviarlle unha carta tanto a Asociación de empresarios das apostas como a empresa promotora Unión de Operadores Reunidos, para "deixarlles claro que imos estar moi pendentes ante calquera incumprimento". Tamén estarán diante da porta informando aos posibles clientes do perigo que estas apostas teñen no caso de que cheguen a abrir.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: