www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 5 de Xullo de 2020

Paxaretas leva á rúa a abolición da prostitución neste 8M
Sociedade • 4/03/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Un tema polémico e sen unanimidade nin tan sequera dentro do propio movemento feminista. Con todo, Paxaretas ten clara a súa postura que pasa pola abolición dunha práctica que entenden atenta contras as mulleres, un argumento que levarán á rúa este domingo cunha acción polo centro da vila a partir do mediodía que rematará cunha concentración ás 13:00 horas na praza da Constitución. Fan un chamamento a cidadanía a unirse a esta mobilización co gallo da celebración do Día da Muller e a participar do resto das actividades que realizan no marco do Marzo Muller.


Un programa que arranca este mesmo xoves cunha chala sobre a Endometriose, os seus síntomas e diagnóstico que correrá a cargo de Iria Villar da asociación QuerEndo, quen falará desta doenza que afecta ao 10% da mulleres. Unha charla que terá lugar na sala de exposicións do Multiúsos o xoves 5 ás 20:00 horas.


Xa o domingo, co gallo da conmemoración do 8M teñen preparada unha acción reivindicativa no centro da vila que quere remover conciencias e insistir no debate da abolición da prostitución, postura que defenden dende este colectivo. A continuación concentraranse na praza da Constitución e xa pola tarde convidan a participar tamén na manifestación que percorrerá Vigo con saída ás 18:00 horas dende Vía Norte.


Un Día da Muller ao seu entender un tanto descafeinado logo de que non houbera unanimidade á hora de convocar folga nesa xornada como si se fixera en anos anteriores.


O Marzo Muller continuará xa o día 12 cunha charla coloquio sobre Maternidades feministas a cargo da Asociación Materfem, na Casa da cultura ás 18:00 horas. O peche do programa chegará o 26 de marzo coa presentación do libro Veleno en familia coa autora Rocío Leira Castro no Multiúsos ás 20:00 horas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: