www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 5 de Xullo de 2020

Redondela reforza a Policía Local coa incorporación de dous novos axentes
Política • 3/03/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O servizo conta cun total de 20 efectivos entre mandos e axentes da policía. O goberno local confía en que antes de finais de ano o cadro de persoal chegue aos 27 axentes, coa incorporación de novos efectivos. De feito, nos vindeiros meses outros seis axentes realizarán a súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública.


O Concello de Redondela vén de incorporar ao cadro de persoal da Policía Local dous novos axentes unha vez que superaron o curso realizado na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e concluído o seu período de prácticas.


Os dous axentes foron recibidos hoxe na Casa do Concello pola alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Seguridade, Leonardo Cabaleiro, que lle deron a benvida ao cadro de persoal municipal. Con esta dobre incorporación, Redondela conta cun total de 20 efectivos entre mandos e axentes de policía.


A estes dous axentes engádense, dende mediados do pasado mes de xaneiro, catro auxiliares de Policía Local, que permanecerán desenvolvendo o seu traballo en Redondela ata o mes de xuño, de cara a reforzar o cadro de persoal logo das xubilacións anticipadas.


Digna Rivas adiantou que dende o vindeiro día 12 de marzo, outros seis axentes formaranse na Agasp para, unha vez completado ese período e realizadas las preceptivas prácticas, incorporarse ás filas da Policía local. Dese xeito "a final de ano, Redondela poderá contar cun total de 27 axentes".


O cadro da Policía redondelá podería acadar a trintena de axentes de cubrirse as dúas prazas designadas polo sistema de mobilidade no que xa se seleccionaron ditas prazas pero que aínda non tomaron posesión das mesmas.


Trátase, rematou a alcaldesa Digna Rivas, "de dotar ao municipio dunha Policía Local acorde a importancia do mesmo tanto en medios humanos como materiais para, dese xeito, poder garantir a seguridade da veciñanza e dos seus bens".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: