www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 10 de Abril de 2020

A reforma da Avenida Mediño custará 1,6 millóns e conta cun prazo de execución de 12 meses
Institucional • 2/03/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A actuación aprobada pol Xunta recolle as obras de mellora e humanización do treito de un quilómetro da estrada autonómica PO-363 ao seu paso polo centro do municipio,dende o cruce coa estrada nacional ata o peirao de Cesantes. A Axencia Galega de Infraestruturas formalizou a aprobación do proxecto construtivo, que supón un investimento de 1,6 millóns de euros e ten un prazo de execución de 12 meses. Unha confirmación que chega logo de que o goberno local criticase que a obra prometida por Ethel Vázquez en febreiro de 2019 seguía sen proxecto redactado.


A Xunta de Galicia concluíu a redacción do proxecto da reforma e mellora da seguridade viaria da Avenida de Mendiño no concello de Redondela. A actuación recolle as actuacións necesarias para mellorar a seguridade viaria e humanizar o treito da estrada autonómica PO-363 ao seu paso polo centro deste municipio e supón un investimento de 1,6 millóns de euros e ten un prazo de execución de 12 meses.


No primeiro treito, ata o centro de saúde, ampliaranse as beirarrúas e sobreelevaranse os pasos de peóns, inclúese a renovación de servizos municipais de saneamento, abastecemento e iluminación, o que supón un custo duns 600.000 euros. Neste tramo tamén se reordenarán os cruces e se habilitarán os cambios de sentido necesarios no centro de saúde e centros educativos. No intervalo ata o peirao estenderase unha nova capa de rodadura, melloraranse as interseccións e colocarase nova sinalización horizontal


Trátase dunha actuación de seguridade viaria e renovación urbana que optimizará a circulación por esta vila e o acceso a múltiples servizos públicos que se atopan na contorna.


Aseguran dende a Axencia Galega de Infraestruturas que a aprobación do proxecto construtivo data do pasado mes de novembro, malia que no concello carecían desta información. De feito, a semana pasada o goberno local criticaba que a única información por parte do goberno galego en torno a esta obra "foi extraoficial e para asegurarnos que o proxecto estaba en proceso".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: