www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 10 de Abril de 2020

Aberto o prazo para participar na modificación do regulamento dos Consellos Parroquiais
Institucional • 28/02/2020
Autor: Lorena Otero

Ata o 18 de marzo todo aquel que o desexe, veciños, colectivos e asociacións, poden presenta as súas propostas para a modificación deste instrumento de participación que permite ás parroquias do municipio achegar as súas inquietudes e demandas ao concello. Pódese consultar a proposta de regulamento e as emendas presentadas na web do Concello. As entidades e colectivos deberán presentar as súas alegacións a través da Sede Electrónica mentres que a título individual tamén se pode facer no rexistro do Concello.


Pechada a rolda de Consellos Parroquias celebrada durante o mes de febreiro, a Concellería de Participación Cidadá abre o prazo de alegacións para que todo aquel que o desexe poida facer as súas achegas e propostas de modificación do que será o novo regulamento dos Consellos Municipais Parroquiais. Un órgano de representación territorial das parroquias, que está composto por un presidente, un membro de cada grupo político con representación na corporación municipal e polos representantes designados polas asociacións do seu sector de actuación dentro de cada parroquia como asociación de veciños, asociacións culturais, comunidade de montes, comunidade de augas, ANPA, etc.


O obxectivo é aprobar unha novo regulamento polo que se rexerán estes organismos. Proceso que se iniciou durante o anterior mandato do Partido Popular, pero cuxa tramitación non se finalizara e non chegou a aprobarse. Dende o departamento que dirixe a edil Susana Couñago, convidan a veciñanza e as distintas entidades parroquias a que realicen as alegacións que consideren oportunas, a maneira “de dar efectividade ao principio de participación nas cuestións ou materias que afectan a toda a cidadanía”.


Na páxina web do Concello pódese consultar a nova proposta de regulamento e as emendas presentadas ata agora polo BNG e PSOE. As entidades e colectivos deben presentar as alegacións a través da Sede Electrónica, mentres que a veciñanza tamén o poderá facer de xeito presencial no rexistro do Concello. O prazo de presentación é de 15 días hábiles, ata o 18 de marzo.


A concellería tamén está a celebrar reunións informativas coas asociacións de todas as parroquias para explicar a composición do Consello Parroquial, os pasos a seguir e a documentación precisa para formar parte deles.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: