www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 13 de Xullo de 2020

Amoedo nega alarmismo sobre a delincuencia e insta a Rivas a reclamar a Comisaría de distrito
Política • 26/02/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A voceira do PP en Redondela, Carmen Amoedo amósase molesta polas palabras de Digna Rivas nas que criticaba ao seu partido por realizar unha política de alarmismo cando denuncian o elevado número de roubos e actos delictivos que se teñen producido no noso concello nos últimos meses. Insiste que a solución pasa por recuperar "unha policía de proximidade, coa recuperación dos axentes que traballaban en Redondela antes do desmantelamento da oficina da Policía Nacional".


Asegura Amoedo que son "datos obxectivos" os que manexan no seu partido e que constatan que se teñen incrementado o número de roubos en domicilios particulares e, sobre todo, comercios e locais de hostalaría. Insiste en que esta situación é produto da decisión da Subdelegación do goberno de reorganizar o servizo da Policía Nacional o que supuxo "deixar de contar no noso concello cos 30 axentes que operaban anteriormente, que coñecían o territorio e que coñecían tamén aos delincuentes habituais". Por ese motivo insiste en que a solución a esta vaga de roubos pasa por recuperar "unha policía nacional de proximidade, porque os axentes que agora veñen da comisaría de Vigo fan un traballo estupendo pero non poden substituír aos efectivos que antes operaban dende a comisaría de Redondela e que coñecían perfectamente o terreo".


O PP presentará no pleno de mañá un rogo no que solicitan que o goberno local traballe para recuperar a Comisaría de distrito e non descartan mobilizacións "sumarémonos a calquera acción que convoque a plataforma creada para reivindicar unha comisaría para Redondela".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: