www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Xullo de 2020

Chapela celebra o XV Memorial Paco Fenosa
Deporte • 26/02/2020
Autor: Ana Prieto

O C.R. Chapela organiza esta domingo, día 1, a regata de traiñeiras en memoria do que fora o primeiro presidente do club de remo. Participarán embarcacións de toda Galicia nas categorías masculina, feminina, mixta, categorías base e veteranos. Nesta edición o club prepara novidades, con varias tandas, para facilitar a participación de máis embarcacións.


O presidente do club, Julio Prado, explica que a primeira tanda comezará ás 11.00 horas, con saída no paseo de Cardona, para as categorías base con xuvenís e cadetes, traiñeiras femininas, veteranos e mixtas. Na segunda tanda, ás 12.00 horas, participarán as categorías senior A e B. Prado confía en igualar ou mesmo superar a participación de embarcacións do ano pasado, con máis de trinta traiñeiras. A proba quere ser "unha festa do remo" para a parroquia, na que os deportistas dos diferentes clubs galegos se dan cita para "medir forzas" na categoría raíña do neste inicio de temporada.


Liga de Bateis


A campaña de remo comezou este mes para o club de Chapela co Campionato Territorial Sur de Bateis. Na Bandeira Concello de Vigo Chapela fíxose coa bandeira na categoría absoluta feminina. O C.R. Chapela sumou tamén seis medallas máis: prata nas categorías xuvenil e cadete feminina, prata e bronce na categoría infantil masculina e nos xuvenís foron prata con Arealonga e bronce con Chapela. Esta fin de semana, antes do Memorial Paco Fenosa, terán outra cita do calendario galego de bateis coa IV Bandeira Amegrove, no Concello de O Grove, o sábado 29 de febreiro.


Nova xestora


O club celebrou tamén unha asemblea extraordinaria para convocar eleccións á directiva, pero non houbo ningunha candidatura. Prado explicou que se decidiu crear unha xestora, xa que forma parte a actual directiva, con algunhas baixas, e coa incorporación de tres persoas novas. A intención do club é facer "un período de transición" durante un ano para que os novos membros se formen contando "co apoio e experiencia" dos veteranos para facerse cargo da directiva no futuro. O C.R. Chapela conta actualmente cunha gran canteira, con máis 120 deportistas federados, o que supón "un gran éxito" nun deporte como o remo. Por iso Prado aposta por darlle "contiuidade" ao traballo dos últimos anos, para o que é necesario "un relevo xerancional". O reto inmediato, fóra do ámbito deportivo, é mellorar as instalacións do club, que queda "moi pequenas" para o volume de rapaces que practican o deporte. Desde o club negocian co Concello de Redondela a posibilidade de ampliar as dependencias e contar cun ximnasio "que reúna unhas condicións dignas para os rapaces".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: