www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Xullo de 2020

Redondela celebra esta tarde o enterro da casa de apostas
Sociedade • 26/02/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Malia que dende hai anos Redondela non celebra o enterro da sardiña, este mércores o centro da vila recupera esa tradición aínda que dándolle un marcado carácter reivindicativo. Así, o mércores de cinza é a xornada elixida pola Coordinadora contra a casa de apostas para celebrar o enterro deste negocio que se quere abrir na rúa Ernestina Otero.  Esta  celebración será na Alameda Castelao ás 19:00 horas.


O evento consistirá nun acompañamento á difuntiña casa de apostas pola Alameda de Redondela para continuar cun enterro e celebración posterior que consistirá en convidar a chocolate quente ás persoas asistentes.


A organización anima a toda a veciñanza a participar deste evento de carácter festivo-reivindicativo contra a apertura da casa de apostas. Lembran que con data 9 de abril de 2019  a Xunta de Galicia autorizou a instalación dunha casa de apostas na rúa Ernestina Otero, unha autorización que ten unha validez dun ano, polo que o vindeiro 9 de abril vencerá o prazo para que este negocio se instale na vila. Por este motivo, a coordinadora contra a casa de apostas quere neste Entroido celebrar un enterro da ruleta para emular o que desexan que suceda a partir do 9 de abril.


A idea desta celebración reivindicativa é compartida noutros lados de  Galicia, tanto é  así que outras coordinadoras como a de A Coruña celebrarán tamén o seu enterro da casa de apostas, o mesmo mércores.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: