www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 10 de Abril de 2020

O Choco imponse ante As Pontes cun gol de chilena de Martín
Deporte • 24/02/2020
Autor: Ana Prieto

Unha xenialidade do dianteiro redondelán permitiu deixar os 3 puntos en Santa Mariña. Na Segunda Galega gañou o Atl. Vilar e na Terceira Galega o Chapela goleou ao Nespereira. En fútbol Pazos e Arealonga gañaron os seus encontros, mentres que en balonmán houbo pleno na SAR, con triunfo tanto na Honra Prata Feminina como na Autonómica Masculina.


Terceira División


C.D. Choco 2-1 As Pontes


Unha xenialidade do dianteiro do Choco permitiu ao equipo sumar tres importantes puntos para manterse na loita polos primeiros postos. E iso que o conxunto redondelán non fixo un bo partido. Na primeira metade os visitantes gozaron das mellores ocasións como un disparo á madeira de Carlos pouco antes da media hora de xogo. Os locais tardaron moito en entrar no partido e conseguiron o premio nunha acción en banda dereita entre Yerai e Caloi, acabou coa pelota nos pés de Sergio Santos na frontal da área. O xogador desfíxose do seu marcador e logo logrou bater a Javi Liz cun disparo axustado ao pau. Pero As Pontes non baixou os brazos e mantivo o bo xogo da primeira parte. Pouco antes de chegar ao descanso conseguía o empate grazas a un lanzamento de Quique que Cortegoso non atrapou. Dani aproveitou o rexeite para marcar. Na segunda metade As Pontes seguía presionando, ata que apareceu Martín para desequilibrar o encontro cun auténtico golazo, un remate de chilena tras un centro de Yerai, que supuña o 2-1 a un cuarto de hora do final. Co marcador a favor, o Choco tivo varias boas oportunidades para sentenciar, pero faltou o acerto. Nos últimos intres, cun xogador menos tras ser expulsado David García cun segundo cartón amarelo, As Pontes puido levar un punto tras unha lea na área local á saída dun córner que, finalmente, conseguiu defender o Choco. O equipo redondeláné 5º, na próxima xornada visita o campo do Silva (15º)


Primeira Galega



Arcade, xornada de descanso. O domingo visitan o campo dun rival directo, o Santa Mariña, 9º, a un punto de distancia.


Segunda Galega



Cesantes 6-7 Xil


O Cesantes segue como pechacancelas do grupo logo da derrota ante o Xil nun encontro plagado de goles. Na próxima xornada visitan o campo do Marín.


Tebra 1-4 Atl Vilar


Os de Vilar acadaron unha abultada vitoria na visita ao campo do Tebra, pechacancelas do grupo. O domingo recibirán en San Mariño ao Gondomar, equipo da metade alta da táboa.


Terceira Galicia



Nespereira 0-5 Chapela


O Chapela impúxose sen problemas no derbi comarcal ante o Nespereira. Na próxima xornada o Chapela, que agora é 7º, recibe ao Lavadores, que é 5º. Mentres o Nespereira xoga en Vigo ante o Teis.



Futbol Feminino 1ª Liga Galega


Arcadia, xornada de descanso. Na próxima xornada as de Soutomaior xogan no campo do Val, combinado ao que avantaxan en 9 puntos.


Fútbol Sala



Terceira División



Pazos de Borbén F.S 7-5 Baiña


Os de Fran Amoedo suman as súa oitava vitoria consecutiva ante o Baiña, co que practicamente deixan garantida a permanencia. Son xa 7º do grupo, e na próxima xornada viaxan a terras lucenses para medirse ao Lugo Sala, un dos equipos fortes do grupo, 2º na táboa.


Preferente Sur, xornada de descanso para Redondela e Campito. Esta fin de semana o Redondela Maramar recibe ao Coles e o Campito protagoniza o derbi comarcal na pista do Teis.


Primeira Galicia


Tui Futsal 1-15 Arealonga Const.Castro


Abafante vitoria do Arealonga que defenderon concontundencia o liderato no Pavillón Novo de Tui ante o Tui Futsal. Na próxima fin de semana reciben en Chapela ao 2º da táboa, o Club Cios Vigo Mondariz, aos que avantaxan en 8 puntos.


Balonmán División de Honra Prata Feminina



SAR Rodavigo 34-32 Hand Vall Valladolid


Importante vitoria do equipo redondelán, que tirou de raza para remontar un encontro no que as de Valladolid foron por diante ata o minuto 41, cando as de Elisardo Covelo "Chini" igualaron o marcador (23-23). No 52 a SAR púxose por diante por vez primeira (29-28), e ata o final loitaron por deixar os puntos na casa. Conseguírono cun gran esforzo, e son 8ª. Na próxima xornada desprázanse a Asturias para visitar a pista do líder, o Oviedo.


Primeira Nacional



Xiria 32-31 Rodosa Chapela


Dura derrota para os de Fran Teixeira, que despois de ir por detrás no marcador durante todo o partido, perderon por tan só un gol de diferencia nos últimos segundos do encontro. O resultado déixaos no 4º posto da clasificación, nunha dura pelexa polos postos de promoción de ascenso. Esta fin de semana reciben en Chapela ao Ingenio, o 5º, que non quere descolgarse da parte alta da táboa.


Primeira Autonómica



SAR Plastic Omnium 29-24 Eumesa.


Os de Pablo Muiños seguen como líderes do grupo logo do triunfo sobre o Eumesa. Na próxima xornada xogan na pista do C.Ourense, 4º deo grupo.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: