www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 13 de Xullo de 2020

Arrancan as obras de rehabilitación do cemiterio dos Eidos
Cultura • 21/02/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A iniciativa busca recuperar e poñer en valor o antigo cemiterio e inclúe a reparación dos muros e pavimentos, acondicionamento das zonas axardinadas e recuperación de elementos ornamentais así como acondicionamento daquelas zonas que se atopan en estado ruinoso. A primeira actuación, consistente na limpeza dos muros perimetrais,  espertou polémica entre os veciños ao empregar os operarios auga a presión. Dende o concello o edil de cultura, Daniel Boullosa aclara que se trata dunha actuación autorizada por Patrimonio e na que se emprega "auga sen area e cunha presión determinada para evitar deteriorar os elementos patrimoniais".


O Concello de Redondela vén de iniciar a obra de conservación e recuperación do antigo cemiterio dos Eidos. Unha actuación que debería estar rematada no prazo de tres meses e que está confinaciada polo Fondo Europeo Feder na liña destinada á recuperación, rehabilitación e mellora do patrimonio histórico e cultural.


Os traballos arrancaban esta mesma semana coa limpeza do muro perimetral. O emprego de auga a presión espertou certa polémica polo temor dos veciñas ao impacto que esta técnica puidera ter na pedra. Dende a Concellería de  cultura aclaran que se trata dunha limpeza autorizada polo departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia e que se trata tan só de auga "en ningún caso se emprega area nin produtos químicos, que é o que pode deteriorar os elementos patrimoniais".


Adianta o edil que unha vez rematadas as obras de rehabilitación organizaranse dende o concello visitas guiadas para que os veciños coñezan un cemiterio cun gran valor histórico e artístico. Un camposanto municipal que data de 1833 e cuxa tumba máis antiga é de 1860, con elementos de gran valor artístico como tallas e mausoleos de arquitectura sobresaínte e moitas pezas realizadas por canteiros de Redondela de gran prestixio, ademais de ser o lugar onde repousan os restos de salientables persoeiros e albergar unha foxa común que merece a súa posta en valor.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: