www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 10 de Abril de 2020

Enrique Lago revalida este xoves o seu cargo ao fronte da Asociación de Empresarios de Redondela
Sociedade • 18/02/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Logo de catro anos como presidente do colectivo, Lago repetirá no cargo ao non presentarse ningunha outra candidatura. Amosa a súa satisfacción polo acadado neste mandato "no que se logrou estabilizar a asociación, se acadou un equilibrio financeiro e se incrementou a presenza social coa inclusión dos traballadores e traballadoras do mercado" que son xa membros de pleno dereito e contarán cun espazo propio na Asociación. De cara ao futuro busca unha maior implicación "tanto do goberno local como dos propios asociados" e confía en que sexa unha muller que o suceda no cargo.


Na última xuntanza do equipo directivo, xa en funcións dende o pasado 16 de xaneiro, os integrantes pediron a Enrique Lago Granada que se mantivera a fronte da nova directiva e conformará unha candidatura para presentar o vindeiro día 20 na Asemblea Xeral, poñéndose a súa disposición para o desempeño dos cargos e funcións que considere oportunas.


Lago asume así a súa reelección ao fronte da Asociación que, salvo sorpresa de última hora, será unha realidade este mesmo xoves.


Como logro destes últimos catro anos salienta o feito de ter logrado estabilizar a asociación así como o apoio de comerciantes e hostaleiros ás diferentes iniciativas impulsadas dende o colectivo como a shopping nigh, a feira de oportunidades, a ruta do pincho, ou máis recentemente a campaña solidaria da que participan medio cento de establecementos de Redondela.


Como retos pendentes apunta a necesidade de que o goberno local se implique en maior medida coa asociación e que os propios socios estean máis presentes na toma de decisións e organización de propostas.


De cara ao futuro confía en que sexa unha muller quen tome o relevo ao fronte da asociación e apunta que unha das novidades na nova directiva, que se dará a coñecer o próximo xoves, será a creación de dúas vicepresidencias, a cuxo fronte estarán precisamente dúas mulleres.


Tamén está confirmado que repetirá Rosa Amoedo, que desenvolve profesionalmente un posto de asesora financeira en Mediolanum, e que seguirá a fronte da Tesourería da entidade. Rosa destaca as dificultades do inicio no que se partía de resultados negativos que foron reequilibrándose ano a ano ata atacar un equilibrio económico que se mantén estable. O reto dos vindeiros anos e traballar por mellorar as condicións financeiras para poder asumir con solvencia a xestión de novos proxectos e subvencións nas que xa estamos a traballar e que consideramos contribuirán moi positivamente ao desenvolvemento socioeconómico do municipio.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: