www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 29 de Marzo de 2020

A Banda de Música de Chapela celebra os seus 25 anos de vida sobre o escenario
Cultura • 14/02/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Esta formación musical actuaba por primeira vez o 11 de febreiro de 1995. 25 anos despois segue sobre o escenario aínda que tanto os seus integrantes como o seu director foron mudando neste longo percorrido. Dos seus pioneiros quedan tan só os irmáns Daniel e Roberto Barcia e a actual directora da Escola de Música de Chapela, Begoña Rial, que se manteñen en activo dentro desta formación que reúne a 40 persoas baixo a batuta de Andrés Álvarez. Para conmemorar un aniversario tan especial, este sábado ofrecen un concerto ás 19:00 horas no Multiúsos do Piñeiral do Crego con entrada de balde.


O 11 de febreiro de 1995 facía a súa presentación oficial a "Banda de Música Xuvenil de Chapela", baixo a dirección de Juan Carlos Díaz Álvarez. Seguiríanlle ao fronte da formación Lourenço Filipe da Silva Cruz, Francisco Abal Rosales, Severino Pedrosa, Santiago Barreira ata chegar ao 2014 cando toma a batuta o novo director, Andrés Álvarez Hernández.


Lembra Rial que houbo momentos moi importantes nestes anos. A gravación e publicación de diferentes discos, actuacións en lugares tan afastados como Venezuela, concertos nos que estrearon obras inéditas, participación en diferentes festivais... Momentos tan especias como o que vivirán mañá cando reúnan no escenario aos directores que durante estes anos pasaron pola Banda así como outros músicos que tamén formaron parte desta gran familia.


Adianta tamén que este 2020 será un ano de celebración "queremos festexar este aniversarios facendo un acto cada mes, xa temos pechado un concerto con Pelepau, un concerto didáctico ou a elaboración dun documental".


Na actualidade a "Banda de Música de Chapela" conta con máis de 40 músicos, con idades comprendidas entre os 9 e os 45 anos. Ademais conta na súa escola de música con 240 alumnos con idades comprendidas entre os 0 e os 70 anos, e impártense clases de música tradicional, clásica e moderna. Parte deste alumnado pasará pronto a formar parte da mesma agrupación.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: