www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 8 de Xullo de 2020

Obradoiro de Escritura Expresiva nas Bibliotecas de Redondela con Marisé Barreiro
Cultura • 14/02/2020
Autor: M. X. Queimaliños

As bibliotecas de Redondela teñen aberto o prazo de inscrición para participar nun obradoiro de escritura expresiva que se vai desenvolver a partir do 11 de maio en horario de mañá en Redondela (de 11:00 a 13:00 horas) e en horario de tarde en Chapela (19:00 a 21:00 horas). Previamente, o venres 21 ofrecerase unha charla na casa da cultura na que Marisé Barreiro falará dos beneficios da escritura expresiva.


O termo escritura expresiva define á escritura persoal, onde o mundo interno do escritor, coa súa experiencia, pensamentos e recordos é o protagonista. Exemplos comúns deste tipo de escritura son os diarios persoais, as cartas, e os poemas e relatos autobiográficos.


O simple acto de escribir regularmente sobre a nosa experiencia e reaccións ten un impacto positivo na autoestima, proporciona claridade e perspectiva, axúdanos a coñecernos e expresarnos, a reducir tensións, a atravesar dificultades e a explorar a nosa creatividade.
Aprendemos a recoñecer nosa propia humanidade e a aceptarnos, a darnos ánimos nos riscos que necesitamos afrontar, a asomarnos á vida que soñamos.
Por todo isto, desde as Bibliotecas de Redondela, propoñémosvos esta actividade baixo a dirección de Marisé Barreiros quen impartirá o obradoiro en 6 sesións de dúas horas e de carácter quincenal. Na biblioteca Valle-Inclán de Redondela será en horario de mañá de 11:00 a 13:00 h e en Chapela impartirase en horario de tarde, de 19:00 a 21:00 h.


E para animar aos veciños a achegarse a esta actividade a propia Barreiros impartirá o venres 21 ás 19:00 horas unha charla na que explicará as diferenzas entre a escritura expresiva e a creativa achegando exemplos e suxestións para obter o máximo proveito da escritura persoal e autobiográfica.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: