www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Febreiro de 2020

Boullosa acusa ao PP de "revanchismo" cando fala de abandono na xestión do Meirande
Política • 13/02/2020
Autor: M. X. Queimaliños

"O Meirande funciona a día de hoxe nas mesmas condicións que hai un ano, cando gobernaba o PP" asegura o concelleiro de Cultura quen entende que as críticas emitidas dende o PP ao afirmar que o Museo se atopaba en estado de abandono "responde unicamente á política revanchista que están a realizar os populares dende que perderon a alcaldía". Daniel Boullosa anuncia que o horario do Meirande ampliarase coa incorporación de máis persoal a partir de marzo e confirma que se retomarán as visitas teatralizadas a cargo da Asociación Cultural de Rande.


Os populares acusaban ao goberno local, e concretamente á concellería de Cultura, de non estar a facer os deberes e manter o Meirande nun estado que cualificaban de "abandono". Rexeita o edil de cultura estas críticas "a calefacción funciona, o museo si estivo pechado parte de xaneiro por vacacións do persoal, pero non durante todo o mes e a información sobre o seu horario de apertura -de martes a venres de 10:00 a 14:00 horas e sábado e domingo de 11:00 a 13:00 e de 16:30 a 18:30- está á vista tanto nas instalacións do Museo como na páxina web do concello". Entende que as críticas do PP responden "ao xogo político dun partido que está xa en campaña".


Sobre o futuro do museo explica que a partir de marzo contrataranse a través da Deputación tres persoas que atenderán tanto o museo como a oficina de Turismo "asegurando así que ambos servizos estean operativo durante todo o ano".


Anuncia tamén que se retomarán as visitas teatralizadas "a partir da primavera os visitantes poderán acceder, previa inscrición, a estas visitas que se realizarán nas tardes dos sábados e que realizarán membros da asociación cultural e deportiva de Rande.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: