www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 5 de Abril de 2020

Os centros educativos de Redondela participan no programa «Educando na Igualdade» de Érguete
Sociedade • 13/02/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Alumnas e alumnos de 1º de primaria do CEIP Igrexa-Chapela participaron nun dos obradoiros do programa "Educando na Igualdade", unha iniciativa do Concello de Redondela, a través das concellerías de Igualdade e Servizos Sociais, e a Asociación Érguete que ten a finalidade de proporcionar, aos nenos e nenas, ferramentas de sensibilización, implicación e actuación baseadas nunha verdadeira relación de igualdade cos demais. Un total de nove centros educativos do concello participan nesta actividade.


Educando na Igualdade é un proxecto que forma parte "desa transversalidade que dende, o Goberno queremos aplicar a todas as áreas" afirmaba a alcaldesa Digna Rivas quen defende este iniciativa como nos colexios como "fundamental xa que a loita pola igualdade real e pola erradicación da violencia de xénero, ten que comezar pola educación".


O programa, dende esa perspectiva, está dirixido ao alumnado do primeiro ciclo de Educación Primaria e consta dun total de 10 horas por aula distribuídos en dúas sesións grupais de catro horas dedicadas aos nenos e nenas e unha sesión final, de 1 hora de duración dedicada ás familias do alumnado participante.


Digna Rivas subliñaba a importancia da sesión dirixida as familias "que serve para darlles a coñecer as conclusións extraídas do traballo realizado cos nenos e nenas e, ao mesmo tempo, propoñer pautas de actuación e resolver as dúbidas que poidan ter as nais e pais".


Unha vez rematada a actividade con nenos e nenas no CEIP Igrexa-Chapela, a reunión coas familias terá lugar o 18 de febreiro.


Os obradoiros Educando na Igualdade continuarán no CEIP Reboreda e no CEIP Alexandre Bóveda, os días 4 e 11 de marzo, sendo a reunión coas familias, en ámbolos dous casos, o 17 de marzo.


Os días 18 e 25 de marzo desenvolverase o obradoiro no CEIP Cedeira e as reunións coas familias, o 21 de marzo.


O CEIP Laredo e o CEIP Outeiro das Penas, participarán no programa Educando na Igualdade os días 15 e 22 de abril e a reunión para as familias será, en ambos casos, o 28 de abril.


O CEIP Santa Mariña acolle esta iniciativa os días 29 de abril e 12 de maio e a reunión cos pais queda fixada para o 12 de maio.


Pola súa banda, o CEIP Quintela terá os seus obradoiros os días 13 e 20 de maio e a reunión coas familias o 26 de maio e, finalmente, o CEIP Porto Cabeiro pechará o programa os días 20 e 27 de maio quedando fixada a reunión coas familias o día 2 de xuño.


O programa Educando na Igualdade financiase cos fondos propios da Concellería de Servizos Sociais e da Concellería de Igualdade, neste caso a través dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: