www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 14 de Xullo de 2020

Suárez salva un punto en tempo de desconto
Deporte • 10/02/2020
Autor: Ana Prieto

Por segunda xornada consecutiva o C.D. Choco asinou un empate ante o U.D. Ourense ao anotar no tempo engadido. O Arcade impúxose a domicilio ao Alertanavia e empataron os seus respectivos partidos Chapela e Atl. Vilar. En fútbol sala gañaron Pazos e Campito, e empatou o Redondela Maramar. No balonmán local pleno de vitorias con importantes triunfos de SAR Rodavigo, Rodosa Chapela e SAR Plastic Omnium.


Terceira División


C.D. Choco 1-1 U.D. Ourense


Duelo igualado e moi disputado o vivido onte en Santa Mariña. Os de "Gonza" sufriron ante as ausencias de homes determinantes como Félix e Davicín, ambos os lesionados. E a afección choqueira tivo que agardar ao tempo de desconto para ver o gol de Alberto Suárez logo de ir por detrás no marcador desde o minuto 42. O mediocentro defensivo deixou no fondo da rede o esférico nun pase atrás de Caloi logo dunha gran xogada de triangulación con Yerai Couñago e Comis. O empate, terceiro consecutivo, neste caso sabe a triunfo e supón unha inxección de moral. O Choco, no 8º posto, xogará o domingo no campo do Estradense, 9º clasificado a tres puntos de distancia.


Choco: Cortegoso; Mario, Vitra, Yago, Aitor Cañedo (Tomás Abelleira, min. 64); Alberto Suárez, Caloi; Yerai, Sergio Santos (Comis, min. 55), Martín (Edu, min. 76); e Adrián Rodríguez.


UD Ourense: Anxo; Josu, Pablo Corzo, Viti (Germán, min, 77), Alfredo; Rubén Arce, Tiago, Rubén Durán; Champi, Marcos (Pedrosa, min. 70), Isi (Carlos, min. 64).


Goles: 0-1, min. 42: Tiago; 1-1, min. 91: Alberto Suárez.


Primeira Galega



Alertanavia 0-2 Arcade


O Arcade dominou por completo, e na segunda parte materializarían a súa superioridade con dous goles para facerse con tres merecidos puntos. Os tres puntos serven aos de Soutomaior para escalar varias posicións, son agora 8º. O domingo reciben ao C. Lameiro, da metade baixa da táboa.


Segunda Galega



Cesantes 1-2 Romay


O Cesantes segue como pechacancelas do grupo, e vai ter difícil recuperar posicións. O domingo visita o campo do Vilaboa, 3º do grupo.


Mos 2-2 Atl Vilar


Os de Vilar consiguen un importante empate no campo do Mos, pero precisan seguir sumando para garantir a permanencia. O domingo reciben en San Martiño ao Gondomar.


Terceira Galicia



Balaídos 2-2 Chapela


O Chapela adiantouse de penalti e os locais igualaron tamén desde o once metros, adiantándose na seguinte xogada para marchar con vantaxe ao descanso. Con todo, ao pouco de renovarse o encontro, Yago Crespo conseguía devolver o empate para o Chapela que sería xa definitivo. Un punto que afasta ao Chapela da pelexa polo fase de ascenso. O domingo teñen xornada de descanso.


Nespereira 0-6 Coia B


Un Coia B moi superior, claro favoritos ao ascenso, goleou ao Nespereira, que este domingo xogará no campo do Moledo, pechacancelas do grupo.


Futbol Feminino 1ª Liga Galega



Arcadia 2-5 UD Mos


O UD Mos, líder da liga, fixo valer o seu papel de invicto e foi superior ao Arcadia no partido disputado no Salgueirón. O domingo xogan no campo do Val, 11º na táboa.


Fútbol Sala



Terceira División



Pazos de Borbén F.S 6-5 Valdesuso Vilalba


Importantísima vitoria dos de Fran Amoedo, que suma así a sexta consecutiva. Partido non exento de polémica, con moita emoción e goles, no que os de Pazos se impuxeron a un Vilalba FS que chegaba como líder. Os locais sumaron os goles de Joni (4) , Pablo (1) e Eloy (1) e tamén o apoio dunha afección incondicional que os arroupou no pavillón municipal. O Pazos, quue é 9º, xoga esta fin de semana na pista do Bueu, que é 10º, pero xa a 5 puntos de distancia.


Preferente Sur



Redondela Maramar 3-3 Celado Mos


Reparto de puntos que deixa aos redondeláns no 5º posto da táboa. Esta fin de semana volven xogar como locais, reciben ao Coles, pechacancelas do grupo.


Coles 1-3 Campito


Os de Chapela foron superiores na súa visita á pista do colista. A vitoria permítelles escalar unha posición, son 6º, e esta fin de semana disputan o derbi no pavillón do Teis. Os vigueses atravesan unha situación complicada, son 15º, en postos de descenso.


Primeira Galicia



Marín Ponfincas 5-2 Arealonga Const.Castro


Revés para os de Chapela que poñen fin a unha longa xeira de vitorias. Con todo, manteñen o liderato, que defenderán esta fin de semana na casa ante o Pecheches (5º).


Balonmán División de Honra Prata Feminina



Lavadores 27-29 SAR Rodavigo


As de "Chini" seguen coa racha positiva de resultados, logo de impoñerse ás viguesas nun partido moi dusputado e superalas na táboa. Esta fin de semana a SAR repite como visitante cun desprazamento máis longo. Mídense ao Xixón, da parte baixa da táboa.


Primeira Nacional



Rodosa Chapela 27-22 Ampate Lanzarote


O Chapela fixo un grna partido e superou a un dos seus rivais directo na loita pola fase de ascenso. O conxunto redondelán, nunha gran segunda metade, gañou por cinco goles e logrou ademais o "gol-average" particular. O Chapela é 3º, e a próxima fin de semana repite como local, recibe ao Lalin, o lider do grupo que está a só 2 puntos.


Primeira Autonómica



SAR Plastic Omnium 30-17 Rasoeiro


O conxunto redondelán defendeu o liderado sen problemas ante o equipo grovense, e foi moi superior durante todo o encontro. Esta fin de semana xoga na pista do Poio, 5º do grupo.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: