www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 10 de Abril de 2020

O xulgado dá a razón a Redondela e anula o requisito de empadroamento na PassVigo
Política • 6/02/2020
Autor: Lorena Otero

Estima así o recurso presentado no pasado mandato polo concello ao declarar contraria ao ordenamento xurídico a esixencia de empadroamento como condición para obter a tarxeta PassVigo, que permite bonificacións no transporte urbano. O concello de Vigo xa anunciou que estudan recorrer a sentenza.


O maxistrado do xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo sinala que a condición de ter que estar empadroado na cidade Olívica, condición imposta polo Concello de Vigo, vulnera varias normas, entre elas a lei galega 2/2017, que establece que os transportes públicos regulares poden ser utilizados por calquera persoa "sen discriminación".


Segundo sinala o xuíz, a norma tamén apunta que non pode haber esa discriminación "por razóns de territorio ou residencia, nin por razóns sociais ou doutra índole" no acceso a bonos de utilización recorrente e engade que os concellos deben someterse ás normas estatais e autonómicas, que exclúen calquera tipo de discriminación neste sentido, e que á súa vez atenden á normativa europea sobre os dereitos dos viaxeiros de autobús e autocar.


Así as cousas, o xuíz estima o recurso presentando durante o mandato do popular Javier Bas en 2018 contra a obrigatoriedade de estar empadroado en Vigo para poder obter a tarxeta do transporte urbano.


Unha sentenza que aínda pode ser recorrida. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, dixo que “deixa en mans dos servizos xurídicos a decisión de recorrela”.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: