www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 21 de Febreiro de 2020

Un convenio entre Redondela e Vigo permitirá mellorar a atención ás emerxencias no Concello
Política • 6/02/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A reunión mantida este mércores entre a alcaldesa Digna Rivas e o alcalde vigués, Abel Caballero, serviu para avanzar en cuestións tales como a futura senda peonil sobre as vías do tren actualmente en desuso entre Chapela e a estación de Urzaiz así como abordar accións conxuntas para promover o uso da Senda da Auga. Outros dos puntos sobre a mesa é a posibilidade de asinar un acordo de cooperación para que os Bombeiros de Vigo atendan as incidencias que se produzan no termo municipal de Redondela.


As sendas verdes de Vigo e Redondela terán unha transición coordinada. A transformación das antigas vías de tren nun espazo verde para que a xente camiñe, corra ou faga ciclismo foi un dos principais temas da reunión que mantiveron Abel Caballero e Digna Rivas no Concello vigués este mércores. O obxectivo é facer unha senda verde na que non haxa ningunha ruptura. "Estamos acabando o proxecto que busca transformar o antigo trazado do ferrocarril ao seu paso por Chapela nunha ruta peonil e ciclista ata Vigo" explica Rivas, quen preferiu non adiantar datas nin detalles sobre un proxecto que asegura está "practicamente rematado e en breve daremos a coñecer". Engade que na reunión de onte concretaron a necesidade de que haxa unha continuidade entre o tramo que discorrerá polo municipio de Redondela e o que atravesará Vigo.


Tamén se abordou a necesidade de promover unha utilización conxunta da Senda da Auga "malia que é propiedade exclusiva de Vigo, é un espazo moi importante para os veciños de Redondela e queremos mellorar e incrementar o seu uso".


Con todo, un dos temas que a alcaldesa entende máis importantes dos abordados onte é a posibilidade de asinar un convenio de cooperación das emerxencias cos Bombeiros de Vigo. "Levamos 8 anos sen unha atención axeitada das emerxencias, non contamos cun servizo propio polo que entendemos que asinar un convenio cos Bombeiros de Vigo, que se atopan a tres minutos do noso termo municipal, facilitará ter garantido o servizo".


Unha primeira xuntanza entre Digna Rivas e o seu homólogo en Vigo que é "un primeiro contacto para afondar na imprescindible colaboración que debe existir entre dous concellos limítrofes".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: