www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 21 de Febreiro de 2020

Redondela creará a Mesa do Tren de Proximidade para mellorar o transporte ferroviario
Política • 4/02/2020
Autor: Ana Prieto

As forzas políticas do Concello, xunto con colectivos veciñais, económicos e sociais do municipio formarán parte desa mesa de traballo. A iniciativa, proposta polo BNG no pleno da corporación, foi aprobada por unanimidade. O goberno local xa acordara con Renfe poñer en macha campañas de promoción do uso do ferrocarril.


A alarma pola situación dos servizos ferroviarios en Redondela saltou a finais do pasado mes de decembro, cando Renfe anunciou que deixaría de prestar o servizo de venda en billeteira na estación da Portela, ao igual que noutros municipios. A moción presentada polo BNG no pleno do pasado xoves, advirte tamén do deterioro xeralizado do servizo do tren de proximidade, con pérdida de paradas e frecuencias. O voceiro da formación, Xoán Carlos González, sinalou a necesidade de que Redondela "recupere o protagonismo perdido no transporte ferroviario" tanto de pasaxeiros como de mercadorías. Advertiu que unha mellora deste servizo fomentaría o uso deste transporte público e sostible, e podería reducir o uso do coche particular. A proposta do BNG, aprobada no pleno por unanimidade, defende o mantemento do servizo atención personalizada de billeteira na estación da Portela, e a creción dunha Mesa do Tren de Proximidade, con representación tanto das forzas políticas como representacións veciñais, económicas e sociais para elaborar un documento marco no que se recolla "a mellora da situación do tren en Redondela". O concelleiro de AER, Daniel Boullosa, explicou que desde o goberno local chegouse a un acordo con Renfe para que manteña a venda presencial de billetes na Portela "máis aló do 30 de xuño", e tamén se solicitou un maior número de frecuencias e cambios horarios máis axeitados á demanda dos viaxeiros. O edil de Cultura e Turismo tamén sinalou que o goberno local se comprometeu a poñer en marcha unha campaña de promoción do uso do tren para reducir o tráfico de vehículos particulares. O concelleiro de Transporte, Leonardo Cabaleiro, foi o encargado de manifestar a postura do grupo socialista. Reafirmou o compromiso do goberno local co transporte público, nomeadamente o tren, e deu conta das negociacións que se manteñen con responsables de Adif e Renfe para acadar melloras no servizo. Desde o PP redondelán tamén apoiaron a moción, pero a voceira municipal Carmen Amoedo advertiu que o mantemento do servizo da billeteira non foi mérito do goberno local senón de Teruel Existe, a cambio do apoio á investidura de Pedro Sánchez no Congreso. Tamén criticou o abadono da estación de alta velocidade dos Eidos, á que denominou de "champiñón mal feito", calificativo que provocou malestar nas filas socialistas.


Mocións do PP


No pleno ordinario tamén se aprobou unha moción do PP para instar ao goberno central a devolver á Xunta de Galicia os 200 millóns de euros do IVE de 2017 que corresponden á comunidade. Nes caso os populares contaron co apoio de AER, mentres PSOE e BNG optaron pola abstención. Outra moción do grupo municipal do PP foi rexeitada polo resto de forzas da corporación. Nela denunciaban a modificación da Lei de Costas que afecta ás prórrogas de concesións de empresas que están no litoral, como depuradoras, conserveiras ou piscifactorías. A socialista María Castro sinalou que a modificación só afecta a 4 empresas galegas, e que o obxectivo da reforma e evitar que as industrias que non precisan estar á beira do mar para a súa actividade, sexan trasladadas a outras zonas industriais axeitadas. Tamén AER e BNG cualificaron a moción de "populista" e defenderon que se regulen as actividades das empresas na costa para recuperar espazos degradados.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: