www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 30 de Marzo de 2020

Nova concentración contra a casa de apostas coa vista posta en abril
Sociedade • 3/02/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O permiso co que conta a empresa para abrir este negocio en Redondela caduca nun par de meses, e ese é o prazo do que dispoñen os seus promotores para poñelo en marcha. No caso de que nese período non logren a licenza municipal terían moi complicado a súa apertura. Dende a Coordinadora contra este casa de apostas convocan hoxe unha nova concentración ás 18:00 horas no local da Rúa Ernestina Otero e unha xuntanza posterior, ás sete no local do Colectivo Republicano nas casas dos mestres, para analizar a situación actual e estudar novas medidas de acción.


A día de hoxe aínda non comezaron a recibir resposta ás preto de 2000 alegacións presentadas no Concello e nas que se argumentaban diferentes motivos polos que, ao entender dos asinantes, non se lle debía conceder licenza a esa Casa de apostas. Unha demora que non preocupa á Coordinadora creada en Redondela contra a instalación deste negocio, máis ben ao contrario. Saben que no caso de que os seus promotores non logren a licenza municipal antes do mes de abril, deixaría de ter vixencia o permiso concedido pola Xunta, co cal terían que volver solicitalo e se verían afectados por unha normativa máis estrita.


Con esa baza na man manteñen as concentracións que convocan o primeiro luns de cada mes. Será ás 18:00 horas diante do local de Ernestina Otero 47. A continuación celebrarán unha asemblea aberta na sede do Colectivo Republicano.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: