www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 12 de Xullo de 2020

Soutomaior súmase ao pacto de alcaldes polo clima
Política • 31/01/2020
Autor: Ana Prieto

O pleno da corporación apoiou por unanimidade a proposta do goberno local.A adhesión implica asumir os obxectivos marcados pola UE para o cambio climático e reducir ata o 2030 un 27% do consumo enerxético e un 40% as emisións de CO2 . Tamén se aprobou por unanimidade unha moción do BNG en defensa da sanidade pública en Soutomaior e solicitar melloras nos centros sanitarios do municipio.


A corporación municipal de Soutomaior aprobou na sesión celebrada onte a moción presentada polo goberno local para a adhesión do consistorio ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, unha iniciativa da Unión Europea para frear os efectos do cambio climático reducindo a cantidade de emisións e o consumo enerxético. Unha vez asinado o convenio oficial, o goberno local disporá de dous anos para realizar o seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable. Unha folla de ruta que establecerá os principais indicadores e os elementos necesarios para calcular o impacto actual dos servizos municipais no medio ambiente e establecerá as estratexias necesarias para alcanzar os obxectivos marcados pola Unión Europea: reducir polo menos o 27% do consumo enerxético e o 40% das emisións de dióxido de carbono dende agora e ata o 2030.


Moción do BNG pola sanidade en Soutomaior


O BNG recibiu o apoio unánime do pleno para aprobar a súa moción en defensa da sanidade pública e que pide o cese dos recortes. O portavoz municipal do Bloque, Manu Lourenzo, sinalou que se estas mocións saen adiante "grazas a presión vecñal" e acusou ao goberno do PP "de dicir unha cousa diante dos veciños e facer a contraria", e acusou ao alcalde, Agustín Reguera, de "defender a política sanitaria de recortes do PP".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: