www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 4 de Xullo de 2020

Lembranza das vítimas redondelás do Holocausto no Día da Memoria
Cultura • 27/01/2020
Autor: Lorena Otero

Olimpio Míguez Pazos, Antonio Piñeiro Otero, José María González e Alejandro Otero, foron catro dos douscentos galegos que sufriron os horrores dos campos de concentración nazis. Só un deles conseguiría sobrevivir. Cando se cumpren 75 anos do comezo da liberación, o Colectivo Republicano e o Concello de Redondela fan un chamamento a non esquecer.


“Extorsión, tortura, horror e morte". Iso eran os campos de concentración nos que seis millóns de xudeus e máis de dez millóns de nenos e nenas, mulleres e homes foron exterminadas polos Nazis no que é considerado como o maior xenocidio do século XX. Así se lembrou este luns no Multiúsos da Xunqueira a través das palabras do fillo de Francisco Pena Romero (Boiro), un dos deportados galegos ao campo de Mauthausen.


A fame, o frío, os traballos forzados, o maltrato, eran a vida cotiá nestes campos de exterminio dos que só uns poucos conseguiron saír. Entre eles o pai de Francisco Pena. Como membro do exército francés, Pena, era detido o 22 de xuño de 1940 e confinado no campo de prisioneiros de Estrasburgo. Cinco meses despois era deportado a Mauthausen, o coñecido como campo dos españois.


Resistiu aos longos invernos con temperaturas xélidas que alcanzaban os vinte graos baixo cero, ás enfermidades, á fame e ao traballo nunha canteira de granito. Alí permaneceu, cinco anos, até a chegada das tropas estadounidenses o 5 de maio de 1945.


Un relato que se asemella moito ao vivido polos máis de 4.000 españois que pasaron por estes campos de exterminio e que foron lembrados, neste 27 de xaneiro, o Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto. Unha xornada que, en palabras do concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, “serve para combater o discurso do odio e axudar a entender que é o que pasa cando permitimos que prosperen os prexuízos de odio”


Dende o Colectivo Republicano fan fincapé na necesidade “da verdade, a xustiza, a memoria e a reparación que si se deron en países como Francia ou Alemaña pero non así en España”


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: