www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Febreiro de 2020

O Choco salva un punto para seguir na pelexa
Deporte • 27/01/2020
Autor: Ana Prieto

O conxutno redondelán non conseguiu pasar do empate ante o Rápido de Bouzas. Fin de semana con poucas alegrías para o fútbol local, coas únicas vitorias de Chapela e Nespereira na Terceira Autonómica. En fútbol sala gañaron Pazos e Arealonga, e no balonmán sumou a SAR, tanto na Honra Prata Feminina como en Autonómica Masculina, onde os de Muiños seguen líderes.


Terceira División


Choco 1-1 Rápido de Bouzas


Choco e Rápido asinaron unhas táboas que non satisfán a ningún dos dous rivais, pero permiten a ambos seguir na pelexa polos seus obxectivos. O cadro redondelán, aspirante a meterse na fase de ascenso, non foi quen de superar aos vigueses, que chegaba en zona de descenso, e mesmo estivo a piques de perder o partido. Un gol de Pablo adiantou aos de Milo Abelleira, que onte se enfrontou ao seu fillo Tomás, titular no once de "Gonza" Fernández. Nos últimos minutos do partido, Adrián Rodríguez, que entraba desde o banco, empatoui o encontro para o Choco. O resultado deixao ao conxunto redondelán a catro puntos do play-off. Na próxima xornada visita o campo do Polvorín, cos anfitrións situados na metade baixa da táboa. Podería ser a estrea da última incorporación do Choco, Gabriel Jarcome. Procedente do UD Ourense, co que xogou a primeira metade da temporada, o xoven lateral esquerdo non estaba a ter minutos, polo que decidiu cambiar de equipo.


Choco: Cortegoso; Yerai Couñago, Vitra, Aitor Cañedo, Mario; Alberto Suárez (Adrián Rodríguez, min. 77), Sergio Santos, Comis (Yago, min. 60);Tomás Abelleira, Félix e Davicín (Caloi. min. 80).


Rápido de Bouzas: Anxo; Jesús Barbeito(Varela, min. 90), Pablo, Ronald, Iñaki; Areal, Óscar Fondevila (Mape, min. 78), Mouriño, Yahvé, Álex Rei (Juan Barbeito, min. 86); e Pablo Carneiro.


Goles: 0-1, min 69: Pablo; 1-1, min 84: Adrián Rodríguez.


Primeira Galega



Unión Dena 2-0 Arcade


O conxuto de Soutomaior baixa posicións na táboa logo da derrota no campo do Unión Dena. Agora están no 8º posto, na próxima xornada reciben no Salgueirón ao Grove, pechacancelas do grupo.


Segunda Galega



Cesantes 0-1 Sampaio


O Cesantes segue como pechacancelas do grupo logo da derrota no derbi comarcal. Poucas posiblidades teñen de mellorar esta situación, xa que o domingo visitarán o campo do líder, A Lama, que segue invicto.


Val Miñor 3-2 Atl Vilar


Os de Jorge Iglesias descenden unha posición, son 14º, logo dun partido moi disputado no campo do Val Miñor. Comezaron por diante no marcador, no minuto 12 xa gañaban por 0-2 tras os dous goles de Samaniego. Pero o tanto de Marco ao cuarto de hora abriu a porta á remontada local, e os puntos quedaron no Val Miñor. Na próxima fin de semana reciben en San Martiño ao Chaín.


Terceira Galicia



Teis 1-2 Chapela


O Chapela mantén a 6ª praza logo de impoñerse a domicilio no derbi comarcal ante o Teis. O domingo reciben no campo do Parada ao Independiente, 12º do grupo.


Nespereira 2-1 Vigo 2015


O Nespereira superou a outro dos equipos da parte baixa da táboa, o Vigo 2015. O domingo visitan o campo do Oiense, un posto por riba do Nespeira, cun punto máis no casilleiro.


Fútbol Sala



Terceira División



Pazos de Borbén F.S 4-1 Praias de Barreiro


Importante vitoria para o equipo de Fran Amoedo, que lles permite afastarse máis dos postos de descenso, con goles de Simón (2), Jonás (1) e Joni (1). Esta fin de semana desprázanse a Vigo para xogar o derbi ante un dos grandes da categoría, o Vigo FS. Sábado ás 16.30 horas no pavillón das Travesas.


Preferente Sur



Redondela Maramar 2-2 Verín Sala


O conxunto redondelán non conseguiu pasar do empate ante o Verín Sala. Os de Kiko Davila caen un posto na táboa, agora son 4º, a 2 puntos do 3º clasificado, o Lume Corbatas, que será o seu próximo rival na pista do CUVI.


Apostol 6-2 Campito


O Campito cedeu na súa visita á pista do Apostol, e baixa varias posicións na táboa. Desde o 11º posto preparan o encontro desta fin de semana en Chapela, que os mide ao Cesures, 10º do grupo e co que están empatados a puntos.


Primeira Galicia



Baiña "B" 4-6 Arealonga Const.Castro


Os de Chapela son cada vez máis líderes, logo do triunfo no pavillón do Baiña "B" co que seguen invictos. Esta fin de semana reciben ao Ancoradouro, cos rivais ba parte baixa da táboa.


Balonmán


División de Honra Prata Feminina



Tejina Tenerife 27-35 SAR Rodavigo


O equipo de "Chini" fíxose co triunfo en Canarias, nun partido no que as redondelás foron moi superiores ao Tejina Tenerife. A SAR, no 10º posto, recibirá ao Palencia, o pechacancelas do grupo.


Primeira Nacional



Rodosa Chapela 25-26 Cañiza


Axustada derrota dos de Fran Teixeira, coa que remata a xeira positiva que levaba de 7 vitorias consecutivas. O encontro non esitvo exento de polémica, sobre todo na última acción. A falta de 10 segundos para o final, co balón en poder dos visitantes, os colexiados sinalan pasos e o xogador do Cañiza lanza o balón fóra. Os locais reclaman vermella e penalti a favor, pero os árbitros non o pitan e finaliza o partido co 25-26. O liderado segue en mans do Embutidos Lalinense. Os de Fran Teixiera son agora 3º, e aumenta a 3 puntos a distancia co líder. Na próxima xornada visitan a Pista do Seis do Nadal, cos de Coia na metade baixa da táboa.


Primeira Autonómica



SAR Plastic Omnium 25-22 Porriño


O conxunto redondelán segue como líder logo de impoñerse no derbi comarcal ante o Porriño. Esta fin de semana xogan en Vigo, na pista do Lavadores, que esá afundido na parte baixa da táboa.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: