www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Febreiro de 2020

Alternativa Veciñal de Pazos denuncia o estado de abandono do patrimonio promocionado en Fitur
Política • 27/01/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A Agrupación de Electores Alternativa Veciñal presentará unha moción para solicitarlle ao concello de Pazos de Borbén inversións urxentes nun rico patrimonio en estado de abandono case absoluto. A agrupación considera positivo que se promovera na feira de turismo FITUR o bosque atlántico e os xacementos arqueolóxicos pero lamentan que dende o Concello non se invista na posta en valor dun patrimonio cun enorme potencial e que os xacementos arqueolóxicos non estean nin sinalizados nin protexidos.


Explican que "a maioría dos petróglifos atópanse sen sinalizar nin protexer, perdidos muitos deles nun mar de eucaliptos ou toxos e totalmente expostos a danos coma o dos lumes, paso de vehículos ou traballos forestais". Danos que, sinalan, xa teñen sufrido en reiteradas ocasións.


Pola contra, AV recoñece o interese e o esforzo feito polo movemento veciñal, "todo o traballo que se ten feito para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico e do bosque atlántico foi veciñal", en referencia á sinalización de parte dos petróglifos de Amoedo, á Senda do Barragán e á Levada de Casqueiros.


Neste contexto, AV amosa a súa indignación porque o goberno local teña renunciado a solicitar axudas que "virían como anel ao dedo para as nosas necesidades". Fan referencia ás subvencións para a mellora dos montes que a Deputación convocou durante dous anos


consecutivos e que o goberno do Partido Popular se negou a tramitar "malia ás peticións insistentes e ás ofertas de colaboración de varias comunidades de montes".


Inda que non esconden o seu escepticismo respecto dun cambio radical nas prioridades do Partido Popular, a agrupación de electores presentará unha moción reclamando tanto inversións do goberno local como a elaboración dun plan integral de posta en valor do patrimonio "para ter claro que queremos facer e non volver perder oportunidades de facelo".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: