www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 30 de Marzo de 2020

O BNG de Pazos denuncia a falta de medios no novo centro de saúde inaugurado hai un mes
Política • 24/01/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A formación política denuncia que as carencia que padecen os usuarios continúan a ser notables malia tratarse dun centro inaugurado hai apenas un mes. Falan de escaseza de persoal e falta de material ao que se lle suman as baixas e as vacacións dos profesionais que non son cubertas pola Consellería de Sanidade.


Critican dende o Bloque que o centro abrira as súas portas con prestacións  insuficientes  para  a poboación que debe atender. Así prodúcense deficiencias e atrasos na atención, xa que os profesionais vense na obriga de asumir as consultas do persoal que falta, incrementando o seu volume de traballo xa de por si alto, ou simplemente eliminando a atención sanitaria durante ese período. Isto provoca a necesidade de realizar axustes nas axendas cos conseguintes trastornos para  os  pacientes,  que  mesmo  se  ven  obrigados  a  acudir  ao  centro  de  saúde  en horarios que non son os seus habituais ou a facelo en máis de un día.


Neste sentido salientan que é especialmente nefasta a situación da atención pediátrica "o feito de que haxa só unha consulta de pediatría parcial que atende soamente martes e xoves de mañá, obriga a moitas familias a desprazarse a outros centros da área". Por todo isto o responsábel local, Xurxo P. Besadío denuncia que  "non serve de nada ter un centro de saúde renovado se non se pode dar un servizo continuado e de calidade as veciñas e veciños de Pazos de Borbén, é necesario dotar o centro de máis medios humanos". Por este motivo, a deputada do BNG Montse Prado  denunciará no Parlamento a política do Partido Popular de  deterioro da sanidade pública, o que provoca esta situación.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: