www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Febreiro de 2020

O alumnado dos colexios de Chapela achégase á poesía visual
Cultura • 23/01/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Na iniciativa do poeta e pedagogo David Fernández Rivera e promovida polo Concello de Redondela participan alumnos e alumnas dos CEIP Alexandre Bóveda, Igrexa-Chapela e Laredo. O proxecto busca introducir aos máis pequenos no mundo da poesía visual. A iniciativa culminará coa celebración dun concurso que terá lugar dentro do marco de actividades do Maratón das Letras Galegas que anualmente organizan os tres centros da parroquia xunto ao IES Chapela.


A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada por Olga García Ballesteros e Daniel Boullosa, responsables das concellerías de Ensino e Cultura, respectivamente, asistiu no CEIP Alexandre Bóveda de Chapela á presentación do "Proxecto Caligrama 2000" do poeta e pedagogo David Fernández Rivera, actividade promovida polo Concello e na que participan as alumnas e alumnos de quinto de primaria de todos os centros educativos de Chapela: CEIP Alexandre Bóveda, o CEIP Igrexa-Chapela e o CEIP Laredo.


"Caligrama 2000" é unha iniciativa que, a través dunha pedagoxía pioneira, busca introducir aos máis pequenos no apaixonante mundo da poesía visual. A poesía visual supón unha forma de expresión artística na que a arte plástica, as imaxes ou as formas pictóricas definen o poema e viceversa. Foi definida como unha forma de expresión poética "curiosa, fermosa e, ante todo, moi visual". Os exemplos poden ir desde unha colaxe elaborada a partir dos versos dun escrito ata unha imaxe que por si soa define a intención do poema.


Tras a visita do poeta ás aulas, e coa vontade de que o proxecto artístico-pedagóxico teña maior calado no alumnado, a iniciativa culminará coa celebración dun novo concurso de poesía visual que terá lugar dentro do marco de actividades do Maratón das Letras Galegas que anualmente organizan os tres centros da parroquia xunto ao IES Chapela. Con este concurso, no que poderán participar todos e cada un dos alumnos de quinto e sexto que participaron no taller, búscase, entre outras moitas cousas, que os alumnos desenvolvan a súa creatividade máis aló do aprendido na aula.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: