www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 10 de Abril de 2020

I Andaina de Repoboación en Fornelos
Sociedade • 22/01/2020
Autor: Lorena Otero

O colectivo Arroutada organiza o 1 de febreiro unha xornada de recuperación e posta en valor do patrimonio natural de Fornelos de Montes. Desde as dez da mañá e até a noite, os asistentes poderán gozar dunha ruta polo río Oitavén, xantar popular, un obradoiro de enraizamento e multiplicación e a construción dun viveiro forestal co que o próximo outono repoboarase a contorna da capela de Vilán. A xornada, de balde e para todos os públicos, rematará coa celebración dun serán a partir das 20.00 horas. As inscricións poden facerse no 698 205502.


“Menos protestar e falar e máis repoboar”. Así é como chama Arroutada a participar desta xornada. Unha máis das que o colectivo organizan ao longo do ano na zona de Fornelos de Montes e Ponte Caldelas para suplir as necesidades de desenvolvemento rural, oferta cultural e recuperación do patrimonio que están a sufrir municipios coma estes por mor do despoboamento e o avellentamento do rural, segundo explica Laura Naveira.


A I Andaina de Repoboación comezará ás 10.00 da mañá na capela de Vilán, onde visitarán o seu interior e coñecerán a súa historia e a da contorna, para logo facer unha ruta circular de 4 quilómetros por un vello camiño recuperado á beira do río Oitavén. Aproveitarán o percorrido para coñecer a biodiversidade da zona e coller esgallos e arboriños cos que crearán un viveiro forestal. Castiñeiros, carballos, bidueiros e abeleiras acompañarán aos asistentes e servirán para repoboar o próximo outono a contorna da capela de Vilán ademais de varios montes queimados de monte comunal.


Para recuperar folgos, celebrase un xantar ás 14.30 horas na casa da cultura de Vilán e ás 16.30 horas haberá un obradoiro de enraizamento e multiplicación, no que Miguel Ángel Matas explicará os principios básicos e as técnicas máis comúns a partir de lentellas. Xa ás 18.00 horas farán un viveiro forestal cos esgallos recollidos. A xornada rematará cun serán con música ao vivo que arrancará ás 20.00 horas. A actividade é gratuíta pero é preciso anotarse previamente no número de teléfono 698 20 55 02.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: