www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 9 de Xullo de 2020

O deputado Néstor Rego participa nun acto informativo sobre a AP-9 en Chapela
Política • 22/01/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O BNG convoca á veciñanza a un acto público informativo sobre a autoestrada que se vai desenvolver no Multiusos de Chapela o vindeiro venres día 24 ás 20:00 horas. Ademais do deputado no congreso ,Néstor Rego, participará o portavoz do grupo nacionalista en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, así como o voceiro do BNG local, Xoán Carlos González.


A charla, aberta a todo o que queira achegarse, abordará as negociacións entre PSOE e BNG que deron como resultado o voto a favor dos nacionalistas na investidura de Pedro Sánchez. Un pacto que inclúe un total de dez puntos que abordan cuestións como a recuperación do sector naval, o saneamento das rías, o apoio ao galego ou a transferencia da AP-9 a Galicia. Precisamente este último punto é o que centrará o acto informativo do venres, xa que compromete a transferencia da autoestrada do Atlántico a Galicia neste 2020, a bonificación do 100% da peaxe para usuarios que a percorran dúas veces ao día e a gratuidade da peaxe en Rande, unha petición longamente demandada por parte dos veciños desta parroquia e de todo o Concello.


Dende o BNG convocan á veciñanza a asistir a esta asemblea enmarcada dentro da campaña informativa que baixo o lema "Facer valer Galiza" están a promover para dar a coñecer os compromisos que para o noso pais se conseguiron a través do acordo de investidura.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: