www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 14 de Xullo de 2020

Carmen, a nova superavoa de Muruzábal, xa ten o seu mural xigante en Arcade
Institucional • 22/01/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Un mural de máis de 100 metros cadrados en Arcade pon en valor a figura da muller nun dos oficios artesanais de grande tradición na localidade: o marisqueo. A obra correu a cargo de Joseba Muruzábal, máis coñecido como Yoseba MP, un artista que converte ás avoas galegas  en superheroínas a través dos seus murais xigantes que xa decoran localidades como Lalín, Ordes ou Santiago e que agora forma parte tamén da paisaxe urbana de Arcade.


O centro de Arcade conta desde esta semana cunha nova homenaxe á figura das mulleres do mar, un mural de máis de 100 metros cadrados dedicado a unha veciña do municipio, "Carmen, a muller bivalvo". A obra foi pintada polo artista Yoseba Muruzábal con motivo do Día Internacional da Muller Rural, celebrado recentemente pola Concellería de Igualdade do Concello de Soutomaior, que financiou o mural en colaboración coa Deputación de Pontevedra.


O novo mural está situado na medianeira dun dos primeiros edificios de Arcade, chegando desde Pontevedra, e foi pintado para pór en valor a figura das mulleres nun dos oficios artesanais máis tradicionais e de maior importancia para a economía local, o marisqueo.


A protagonista, unha veciña de 96 anos, foi elixida por aclamación veciñal a proposta da confraría para encarnar esta homenaxe. Así, Carmen, co seu cesto de ameixas na cabeza e descansando os seus pés sobre unha cuncha de vieira, ve como se lle recoñece toda unha vida de traballo pendente das mareas e convértese nunha das "superavoas" que o artista encarna na súa colección de Fenómenos do Rural.


Exposición no Multiusos de Arcade


Ademais, e como complemento desta nova obra, o multiusos de Arcade acolle durante este mes a exposición Fenómenos do Rural na que, ademais de varios cadros inspirados nas heroínas galegas, o artista presenta nun documental os testemuños e historias de moitas das protagonistas das súas obras. Segundo indica o propio autor, a mostra recolle unha serie de retratos de "mulleres en mandilón con súper poderes" co obxectivo de dar testemuño do valor do traballo destas mulleres e a relevancia que teñen na súa contorna.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: