www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Febreiro de 2020

Os vándalos rompen varias árbores do paseo da Praia da Punta en Cesantes
Sucesos • 20/01/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Un total de sete árbores do paseo da Punta apareceron este domingo esnaquizadas, algunhas tronzadas pola metade e outras arrancadas directamente do chan. Todo apunta a acción dos vándalos que terían actuado na noite do sábado. O goberno local chama a colaboración veciñal para tentar localizar aos autores. Nos vindeiros días procederase a repoñer os exemplares afectados así como algúns que secaran.


O concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar explica que todo aconteceu na madrugada do domingo e que, malia que foi unha noite de moito vento, todo apunta a que se trata dun acto de vandalismo "xa que non todas elas están tronzadas no mesmo sentido". Das sete árbores afectadas, cinco quedaron completamente inservibles, xa que foron tronzadas pola metade, e outras dúas tentarán ser replantadas. Nos vindeiros días procederase a sementar dez exemplares, xa que tamén había algunha árbore seca e aproveitarase para proceder a súa substitución.


Non é esta a primeira vez que acontece un acto destas características aínda que nunca afectara ao paseo da praia "en varias ocasión téñense producido casos semellantes que afectaron a árbores da rúa Ernestina Otero, sempre en fin de semana" explica Villar, quen lamenta estas condutas incívicas que van contra o que é de todos.


Desde a área de Medio Ambiente fan un chamamento á colaboración veciñal para que se alguén detecta algunha incidencia ou sabe algo ao respecto o comunique ben ao concello ben a Policía Local para actuar contra os responsables.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: