www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 9 de Xullo de 2020

O goberno local busca impulsar o proxecto Cidade Amiga da Infancia
Institucional • 20/01/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa reuníronse con representantes dos centros escolares para darlle impulso á iniciativa porque entenden que "a Cidade Amiga da Infancia non pode quedar cinguida á realización de plenos xuvenís, de cando en vez, e que logo as propostas caian no máis fondo dos esquecementos". Neste sentido anuncia a constitución do Consello Municipal da Infancia e a Mocidade, "ferramenta imprescindible para que os nosos mozos e mozas dispoñan dun órgano no que presentar achegas, debater propostas e presentar iniciativas".


Tanto Rivas como Boullosa aseguraron que o concepto Cidade Amiga da Infancia, ten que deixar de ser un "simple escaparate" para converterse nun xeito de participación "activa da mocidade na vida do seu municipio". Lamentaron os responsables municipais que nos plenos da mocidade que se fixeron, as iniciativas presentadas polas mozas e mozos "caesen no máis absoluto esquecemento". Estes plenos, que teñen que ter toda a solemnidade que merecen, "non poden ser transformados nun espectáculo público carente de todo contido".


Rivas insistiu na necesidade de que mozos e mozas teñen que ter a seguridade que "as iniciativas, proxectos e achegas que fan, se transforman en realidades porque é a forma, a única forma, que a mocidade se sinta como parte da vida do seu municipio".


Para a rexedora local "queda moito traballo por facer porque, ata o momento, todo quedou nunha simple declaración de intencións sen ningún contido".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: