www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 29 de Xaneiro de 2020

A Enseada de San Simón pon en valor a súa riqueza ornitolóxica
Institucional • 15/01/2020
Autor: Lorena Otero

Parrulos asubiadores, barnaclas, pilros ou martiños peixeiros son algunhas das aves que forman parte da biodiversidade deste espazo Rede Natura 2000. Unha riqueza ornitolóxica que difunde o programa “Voando nas Rías Baixas” composto por cinco rutas que abordan desde as aves acuáticas e mariñas até as de interior. A primeira saída será o 26 de xaneiro na Enseada e rematará o 21 de xuño na Serra do Suído. A inscrición ábrese quince días antes da celebración de cada ruta na web da Deputación


Difundir a diversidade ornitolóxica da nosa contorna así como a necesidade de protexela, é a finalidade deste programa “Voando nas Rías Baixas” coordinado pola ONG SEO/Birdlife a través da Deputación de Pontevedra que comeza o domingo 26 de xaneiro na Enseada de San Simón, un dos mellores lugares de Galicia para ver ao parrulo asubiador. Un espazo que se caracteriza pola diversidade de paxaros que podemos atopar como o bilurico das rochas, a píllara cincenta, o bilurico patirrubio e o claro, o pilro común ou o mazarico rea, ademais de distintas variedades de gaivotas, corvos mariños ou picapeixes.


A ruta partirá do porto de Arcade e chegará até as Salinas de Ulló. Un paseo pola beira da ría na que dous expertos irán explicando aos participantes as características da biodiversidade deste espazo natural, especialmente aquelas aves que fan do interior da ría o seu hábitat. Para iso valeranse de telescopios e prismáticos, así como unha guía que recibirán todos os asistentes.


Unha actividade de iniciación, gratuíta e apta para todas as idades que continuará o día 16 de febreiro no Complexo Intermareal Umia-O Grove, espazo protexido pola Rede Natura declarado Zona Húmida de Importancia Internacional, Zona de Especial Interese Comunitario, ademais de ser a reserva ornitolóxica máis grande de España. O oito de marzo as rutas trasládanse até o Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, que contan cunha grande variedade de aves palustres e o 31 de maio a ruta desenvolverase polas Brañas de Xestoso, tamén zona protexida pola Rede Natura na que se concentran aves rapaces como a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia cobreira. O programa pecharase na Serra do Súido o 21 de xuño, zona onde se poderán ver voitres leonados, aguias calzadas, abelleiros europeos, ou miñatos.


A inscrición debe realizarse a través da páxina da Deputación de Pontevedra, no apartado “Voando nas Rías Baixas”. O prazo ábrese quince días antes de cada actividade. No caso da primeira das rutas as prazas xa están esgotadas malia abrirse o prazo o pasado luns.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: