www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 29 de Xaneiro de 2020

O alumnado do obradoiro de emprego arranxará o paseo do Pexegueiro e os xardíns de Regojo
Institucional • 15/01/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Un total de 36 persoas desempregadas reciben formación nos obradoiros de emprego "Redondela sostible" e "Redondela Vila Bela III" que se imparten nas instalación de Pousadouro. Alumnos que buscan mellorar a súa empregabilidade recibindo formación teórico práctica en carpintería e vernizado, deseño gráfico, cantería e no eido forestal e que se encargarán de acometer melloras en diferentes puntos do concello como o arranxo do paseo de madeira do Pexegueiro ou a mellora dos xardíns na contorna da praza 8 de Marzo no Salgueiral.


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia Francisco Conde, acompañado pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e membros do Goberno local, visitaron na mañá de onde as instalacións do Pousadouro, onde 36 persoas participan nos obradoiros de emprego do Plan Galego de Formación para o Emprego.


Alumnos e alumnas destes obradoiros reciben formación teórico práctica en carpintería e vernizado, deseño gráfico, cantería e no eido forestal. Todas elas, apuntou a alcaldesa Digna Rivas, "con ampla demanda no mercado laboral o que favorecerá a empregabilidade das persoas participantes".


O alumnado destas accións formativas desenvolverá, na parte práctica, traballos que redunden en beneficio da veciñanza. Entre eles está previsto que realicen cubertas de lavadoiros na zona de Chapela e a colocación de mobiliario urbano; deseño de campaña e carteis para o Concello; actuacións de ornamentación e colocación de pedra en varios edificios municipais e mantemento da horta ecolóxica e acondicionamento de espazos verdes como nos xardíns da urbanización de Regojo.


Digna Rivas que agradeceu "a axuda da Xunta de Galicia nestas accións formativas e a sensibilidade amosada neste eido polo conselleiro Francisco Conde", subliñou a aposta do Goberno de Redondela "no desenvolvemento de accións formativas como factor fundamental para a inserción laboral das nosas veciñas e veciños" e animou aos alumnos e alumnas a ser constantes e aproveitar esta oportunidade.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: