www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 29 de Maio de 2020

Homenaxe do BM Chapela a Soto cun partido ante o Teucro
Deporte • 14/01/2020
Autor: Ana Prieto

O BM Chapela rinde homenaxe esta noite a Manuel González Soto, o que fora o seu presidente, falecido hai agora un ano. Na súa lembranza o equipo de Chapela medirase ao Teucro no pavillón da parroquia, que leva o nome do homenaxeado. Ás 21.00 horas.


O club de Chapela quere facer deste aniversario polo pasamento de Soto un acto de lembranza e celebración, co Trofeo Manuel González Soto, do que hoxe se disputa a primeira edición. O primeiro equipo do club, que milita en Primeira Nacional, medirase ao Teucro, de División de Honra Prata. Un partido entre dous históricos do balonmán galego e estatal dos que Manuel González Soto foi partícipe. Porque se do BM Chapela foi xogador, adestrador, directivo e presidente, tamén militou nas filas do Teucro como xogador e técnico. Fran Teixeira, adestrador do Chapela, salienta que o club "é o que é grazas á figura de Soto". O club quere así facer deste aniversario do pasamento de Soto un acto de lembranza e celebración, co Trofeo Manuel González Soto, do que hoxe se disputa a primeira edición. A cita é ás 21.00 horas.


Primeira Nacional


No deportivo, o Rodosa Chapela segue imparable. Está a 1 punto de Lalinense e Lanzarote, que comparten liderato. Ocupa un meritorio 3º posto, posición que pode resultar soprendente para moitos, xa que o equipo redondelán "non entraba este ano nas quinielas para pelexar pola promoción de ascenso". Con todo, o traballo e compromiso dos xogadores que se mantiveron no club e o das novas incorporacións están a dar excelentes resultados. Esta fin de semana estrean a segunda volta no pavillón do Carnes do Ribeiro, situado na metade baixa da táboa. Non será un partido doado, segundo Teixeira, xa que o conxunto ourensán conta cun bo plantel. Advirte que é complicado gañar na cancha do pavillón municipal O Consello. Sumar 2 puntos permitiríalles seguir na cabeza da táboa e aspirar aos postos de promoción xunto con Lalín, Lanzarote e Xiria. O partido dispútase o sábado ás 18.30 horas.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: