www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 29 de Marzo de 2020

O BNG critica a mercantilización da cotas da xouba
Política • 14/01/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Os nacionalistas denuncian que embarcacións do xeito e racú de Redondela vense forzadas a mercar cota de xouba en Cádiz para manter a actividade. Lembran que o pasado mes de agosto pechábase a pesquería da sardiña para estas artes por terse esgotado a cota asignada na costa galega. Para manter a actividade a flota artesanal, ao igual que anteriormente o cerco, viuse forzada a mercar cota no sur da zona IX, comprendida entre Fisterra a Cádiz.


Esta práctica "imposta polas administracións ás embarcacións tradicionais supuxo un enfrontamento dentro do propio sector, entre aqueles que si mercaron cota e os que optaron por non entrar neste mercádeo, ou simplemente non tiñan capacidade económica para poder facelo". Para o BNG trátase dunha medida que "ademais de inxusta e moi perigosa xa que abre a porta a branquear a privatización do mar" en palabras do responsable local nacionalista, Anxo Lusquiños.


Pola súa banda a Consellaría do Mar, ten habilitado unha cota de 4 toneladas de xouba para este primeiro trimestre do ano 2020, o que supón 1.000 kg menos que no ano anterior. "Unha cantidade moi baixa para que sexa rendible e que sen dúbida vai volver a obrigar a estas embarcacións a pasar por caixa novamente", denuncia.


Consideran dende o BNG, que resulta moi pouco entendible que se lle limite a pesca da xouba a estas embarcacións na costa galega porque o "stock" está mal e unha vez que se merca a cota no golfo de Cádiz, xa se lle permita facelo sen problema.


"Todo esta senrazón incide negativamente nun sector estratéxico en Redondela, como o da pesca de baixura, que ano tras ano vai perdendo peso. O número de embarcacións diminuíu dun modo alarmante, mesmo poñendo en perigo a supervivencia desta actividade tan vencellada o noso concello, denuncia o responsábel do BNG.


Considera Anxo Lusquiños, totalmente inaceptable e inmoral que se teña que pagar para poder pescar, apostando por defender dende a Xunta o dereito universal a poder faenar de xeito sostíbel, independentemente da capacidade económica dos mariñeiros.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: