www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 8 de Xullo de 2020

Os catro institutos de Redondela participan no programa Clubs de lectura da Concellería
Cultura • 7/01/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O programa Clubs de Lectura impulsado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional chega este curso a 80 centros escolares da provincia de Pontevedra e ten por obxectivo impulsar o hábito lector, mellorar as habilidades sociais e a aprendizaxe. No caso de Redondela participan os institutos de Chapela, o IES San Simón, o Mendiño e máis o instituto Pedro Floriani.


En Galicia están adscritos un total de 247 centros escolares que aglutinan a preto de 12.700 alumnos. E por provincias, ademais dos 80 centros da provincia de Pontevedra, participan 105 centros da Coruña, 37 centros da provincia de Lugo e 25 de Ourense.


A iniciativa, que forma parte do Plan Lía de Bibliotecas, ten como obxectivo impulsar o hábito lector, mellorar as habilidades sociais e a aprendizaxe desde o espazo da biblioteca escolar de cada centro.


Para tal fin, a Consellería destina un total de 220.000 euros a este programa cunha asignación por centro que se destina, fundamentalmente, á adquisición de libros para as actividades do club de lectura (que posteriormente pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca) e para outros gastos derivados do seu funcionamento.


Estes clubs funcionan como grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas e como ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida. Asemade, ao implicar a diferentes membros da comunidade, son espazos para a convivencia e a educación cidadá; ao tempo que son útiles para incorporar á lectura a mozos e mozas con pouco interese por este hábito. Estanse demostrando, así mesmo, útiles para mellorar a autoestima e as habilidades sociais e de lectura do alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe.


Por outra banda, nestas reunións adoitan introducirse as tecnoloxías da comunicación e a lectura dixital, así como as relacións con outros clubs, con bibliotecas públicas ou con entidades culturais do entorno máis próximo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: