www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 8 de Abril de 2020

Chapela anuncia mobilizacións se o goberno non suprime a peaxe da AP-9 en Redondela
Sociedade • 2/01/2020
Autor: Ana Prieto

A asociación de veciños de Chapela, xunto coa de Teis, denuncia que cando se cumpren dous anos do compromiso de Fomento de eliminar a peaxe entre Redondela e Vigo, o tramo segue a ser de pago. De feito, co inicio do ano, o prezo incrementouse coa subida en toda a autoestrada dun 2,6%.


Marcial Pérez, presidente do colectivo veciñal de Chapela, advirte que darán uns días de prazo ao novo goberno, que está previsto se constitúa este mes de xaneiro, e esixirán que se cumpra o compromiso adquirido por todos os partidos políticos para eliminar esta peaxe que cualifican de "inxusta", xa que se trata da "única circunvalación dunha cidade que é de pago", e ademais supón o tramo máis caro de todas as autoestradas españolas. Lembran que en xaneiro de 2018, o Ministerio de Fomento comprometeuse a suprimir a peaxe Redondela-Vigo e despois de dous anos seguen agardando. A eliminación da peaxe non só beneficiaría aos viaxeiros que cada día circulan pola AP-9 entre Vigo e Redondela, senón que tamén suporía unha mellora na seguridade viaria nas estradas convencionais da parroquia. Demandan a conversión en tramo urbano da autoestrada desde Torres de Padín, o que permitiría aliviar en parte o elevado tráfico pesado que padecen os veciños de Chapela e Teis, e mellorar os acesos. Os colectivos non están dispostos a renunciar ás súas demandas, e anuncian mobilizacións na rúa neste comezo de ano se o novo goberno non dá resposta a estas reivindicacións. Pérez convoca aos veciños non só de Chapela, senón tamén de Redondela e doutras zonas da bisbarra a sumarse a estas protestas para que se atendan "a estas xustas reivindicacións". Os colectivos veciñais lamentan que tampouco cumpriron aínda cos compromisos adquiridos cando se licitou a ampliación da AP-9, como a reposición de varios camiños afectados polas obras ou a instalación de barreiras para reducir a contaminación acústica na zona.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: