www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 29 de Xaneiro de 2020

Protagonismo redondelán no Campionato Galego de Fútbol Sala
Deporte • 30/12/2019
Autor: Ana Prieto

Lalín acolleu esta fin de semana as fases finais dos diferentes Campionatos Galegos de Seleccións Comarcais de Fútbol sala. Neste campionato o Redondela F.S. tivo seis representantes nas diferentes seleccións. Todo un "premio" para o club, que se amosa moi satisfeito e felicita a xogadores, técnicos e familias.


A delegación de Vigo, que meteu a todos os seus equipos a excepción do alevín na fase final, realizou un gran campionato. Regresou co título nas categorías de Infantil masculino e feminino e o subcampeonato para a categoría Alevín feminino e Benxamín. Neste campionato o club Redondela F.S. tivo seis representantes nas diferentes seleccións. Os infantís Lucía Casal, Antón González, Antón Pérez e Nico Cuello conseguiron proclamarse campións galegos. Na categoría Benxamín, Martín Conde e o seleccionador Enrique Dávila acariñaron o campionato pero finalmente quedaron ás portas nunha axustada final ante a selección de Santiago.


Para o club "é un premio" volver ter representación nas diferentes seleccións de Vigo e un recoñecemento "ao traballo e esforzo realizado para fomentar este deporte en Redondela". O club tamén se atopa "moi satisfeito" cos resultados obtidos neste torneo xa que se pon de manifesto que a filosofía de traballo e formación da base "cimentada no compañeirismo, esforzo, diversión e traballo en equipo non está rifada coa consecución de éxitos deportivos". A Directiva, corpo técnico e todos os que forman parte do Redondela Fútbol sala felicitan aos xogadores e ao adestrador "por este merecido premio", pero non se esquecen das súas familias, compañeiros e resto de corpo técnico "que contribúen día a día co seu bo facer tanto dentro como fóra dos terreos de xogo".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: