www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 3 de Abril de 2020

Alberto Vilas, Noli Torres e José Manuel Díaz presentan o seu proxecto musical "Circus"
Cultura • 27/12/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Tres músicos que teñen coincidido en diferentes agrupacións e proxectos e que presentan agora este traballo colectivo ao que lle puxeron por nome "Circus". Un concerto cun repertorio pouco común no que o público recoñecerá temas que forman parte do imaxinario sonoro colectivo, e que terá lugar este sábado 28 ás 20:00 horas. As entradas a un prezo de 3 euros, pódense recoller no Multiúsos da Xunqueira.


Un proxecto froito dos seus encontros máis espontáneos nos que foron elaborando, de xeito colectivo, temas orixinais pero tamén versións que permitirán aos público recoñecer cancións e melodías que nos teñen acompañado durante a nosa vida. Na formación atopamos ao redondelán Alberto Vilas ao piano, acompañado de Noli Torres na batería e José Manuel Díaz no contrabaixo.


Un trío musical que non se formula plans a longo prazo "o noso obxectivo con este proxecto é divertirnos e facer algo orixinal e diferente", un proxecto con características de trío de jazz pero que aborda "un repertorio moi pouco común ou único cheo de temas orixinais e versións de temas pouco habituais en formacións deste tipo".


Será a segunda vez que o trío se presente en público, logo da súa estrea en Vigo. Neste caso será no Multiúsos da man da Concellería de Cultura.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: