www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 3 de Abril de 2020

Un convenio entre Concello e Deputación de 400.000€ permitirá rematar a Estrada do Galleiro
Política • 20/12/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Os veciños de Vilar reuniranse hoxe cos técnicos para coñecer os pormenores dun convenio que prevé acometer a mellora do último tramo da EP-2906, coñecida como Estrada do Galleiro, despois de que a primeira fase da reforma reamatada no 2016 deixara un terzo da obra sen executar. Unha cuestión que se abordaba no pleno de onte logo de que o PP solicitara o apoio do resto dos grupos para esixir á Deputación o arranxo inmediato da estrada. PSOE, AER e BNG votaron en contra por tratarse dunha actuación "xa comprometida e que será unha realizade no 2020".


Criticaron todos os grupos ao Partido Popular por levar a pleno unha moción "oportunista" cando lles constaba que hoxe mesmo os veciños están convocados a unha reunión para coñecer en detalle o proxecto de humanización e reforma previsto para o tramo final da estrada do Galleiro. Unha obra que inclúe unha senda peonil con beirarrúas de 2,5 metros de anchura, cunetas de seguridade e un novo alumeado, segundo explicou a concelleira socialista Olga García, quen engadía que a obra orzamentada en 400.000 euros está pendente tan só da sinatura do convenio entre Deputación e Concello.


Máis críticos na súa exposición foron os nacionalistas. O edil Xoán Carlos González explicaba que a obra debía terse realizado hai xa cinco anos cando se investiron máis dun millón de euros para financiar un proxecto que contemplaba a ampliación da estrada, a construción de beirarrúas e a dotación de servizos en todo o vial. Criticaba que o goberno de Javier Bas non a executara na súa totalidade "porque o PP estivo caciqueando e malversando cos cartos públicos, facendo muros aos veciños a cambio de votos".


No mesmo sentido manifestábase o edil de AER, Daniel Boullosa que aseguraba na súa intervención que "a estrada do galleiro é unha exposición de muros rosa Porriño" e que a moción estaba completamente fóra de lugar "non ten sentido pedirlle a Deputación que faga unha obra que xa está comprometida".


Esixía a edil popular Carmen Amoedo que se retiraran as acusacións de malversación de fondos e acusaba tanto ao bipartito como ao BNG de enganar a cidadanía "porque o proxecto é unha auténtica chapuza, sen beirarrúas nun dos laterais da estrada e sen un metro de carril bici".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: