www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 7 de Xullo de 2020

Proxección de Mamasunción no Multiúsos
Cultura • 19/12/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A película de Chano Piñeiro poderá verse este sábado 21 ás 20:30 horas no Multiúsos enmarcada dentro do ciclo Novo Cine Galego organizado polo servizo de Normalización Lingüística. Ao finalizar a proxección, realizarase un coloquio con Mariluz Montes (viúva de Chano) e co director de cine, Ignacio Vilar. As entradas están a 2 euros e pódense comprar/reservar no Multiúsos da Xunqueira.


Con esta actividade quérese difundir as novas xeracións dedicadas ao cinema galego, que ten como protagonista a lingua galega, e que consegue numerosos e continuados recoñecementos internacionais, tanto en curta como en longametraxe.


Coa proxección de "Mamasunción" de Chano Piñeiro búscase homenaxear a valentía, o esforzo e o compromiso co país que este director demostrou. Foi o pioneiro do cinema en lingua galega e foi quen de iniciar unha forma de comprender o cinema desde Galicia, con influencias perceptibles aínda hoxe na onda do Novo Cinema Galego.


A curtametraxe coa que Chano Piñeiro, conta a historia dunha anciá analfabeta que vive á espera das noticias do seu fillo emigrado. Unha crónica de realismo galego que mestura o amor de nai fronte ao egoísmo social. Esta obra foi a primeira emisión da Televisión de Galicia, o 25 de xullo de 1985. O seu éxito chamou a atención de festivais internacionais.


Un ciclo que pechará a película "Trinta Lumes", de Diana Toucedo que se proxectará 26 de decembro ás 20:30.


Alba ten doce anos e desexa descubrir o descoñecido, misterioso e fascinante da morte. Canda ao seu mellor amigo, Samuel, entran en casas abandonadas, percorren aldeas destruídas e adéntranse no interior dunhas montañas que esconden outro mundo paralelo. Unha viaxe que parte da inocencia para descubrir o misterio da loita entre a vida e a morte, entre o mundo dos vivos e dos mortos. A cámara acompaña nesta exploración do "outro lado".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: