www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 3 de Abril de 2020

A SAR avanza con paso firme cara o ascenso
Deporte • 18/12/2019
Autor: Ana Prieto

A SAR recuperou o liderato da Primeira Autonómica logo de impoñerse en Coia ao Seis do Nadal nun partido moi competido. O próximo sábado, na última xornada antes do parón de Nadal, reciben ao Atl. Novás, outro dos equipos fortes do grupo e actualmente 3º clasificado.


A falta de dous partidos para que remate a primeira volta do campionato, a SAR está a colleitar uns excelentes resultados. Suma 8 vitorias e tan só unha derrota e lidera a táboa, empatado a puntos co Culleredo. Ademais a SAR é o equipo máximo goleador da competición (270) e tamén o menos goleado (174). Un balance espléndido para o conxunto que adestra Pablo Muíños, formado por xogadores da canteira redondelá, algúns deles moi novos.


SAR-Atl. Novás


Este sábado disputan o último partido antes do parón de liga polas festas de Nadal. Será en Redondela, ante o Atl. Novás, outro dos equipos fortes da liga e que vén de gañar ao Culleredo. O equipo do Rosal, 3º clasificado, está a 3 puntos da SAR, pero conta con xogadores experimentados, entre eles algúns dos que acadaron o ascenso do club a División de Honra Prata. Será un duro rival, segundo recoñece Muiños, que confía en facerse cos dous puntos na casa. De gañar "sería un balance moi bo para a primeira volta"


O técnico pide o apoio da afección para este encontro, e tamén para o resto da temporada, e unha maior implicación da sociedade e as administracións. Salienta o gran esforzo que fai a directiva do club, que leva moitos anos traballando polo deporte. Afirma que a mellor recompensa sería acadar o ascenso e regresar a Primeira Nacional, "categoría que nunca debería ter perdido a SAR".


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: