www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 3 de Abril de 2020

O Castelo de Soutomaior alberga unha exposición dedicada a escritora e feminista María Vinyals
Cultura • 18/12/2019
Autor: M. X. Queimaliños

"Un soño chamado Soutomaior. María Vinyals 1910-1917" é o título desta exposición que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto a descendentes directos da escritora inauguraban na tarde de onte. A mostra recolle material inédito sobre a vida da activista que logrou formar o seu fogar na fortaleza, malia que tan só durante sete anos. Vinyals foi a única autora dun libro acerca da historia do Castelo e unha das pioneiras e introdutoras do feminismo en Galicia, segundo a información que consta na Real Academia Galega, da que foi unha das súas primeiras académicas, nomeada en 1906.


María, nacida na fortaleza en 1875, sempre soñou con formar un fogar no Castelo e conseguino, aínda que a súa ledicia só durou 7 anos. Hoxe, 144 anos despois, os seus muros acollen a exposición "Un soño chamado Soutomaior. María Vinyals 1910-1917. Trátase dunha nova mostra organizada pola Deputación sobre a figura desta intelectual, artista, escritora, activista, e feminista, na que se aborda de xeito monográfico a historia deses sete anos nos que Vinyals, xunto ao seu segundo marido Enrique Lluria, e os seus fillos e fillas, habitaron na fortaleza dende que a herda en 1908 do seu tío Antonio Aguilar y Correa.


 A presidenta provincial definiu a Vinyals e Lluria como "dúas persoas extraordinarias, cultas, comprometidas, que tiñan un ideal de mundo e de vida, que se relacionaron con toda a cultura e política da época, e que estiveron ata agora invisibilizadas". Silva relatou como a partir da decisión da Deputación de musealizar o Castelo "empezaron a descubrirse moitas cousas esquecidas que nos deixan unha herdanza histórica e cultural que tiñamos a obriga de sacar á luz". A presidenta animou á cidadanía a achegarse ao Castelo de Soutomaior e visitar unha exposición "que nos reconcilia co pasado, que nos permite reconstruír a nosa propia historia e que enche este Castelo de emocións e de ledicia".


"Un soño chamado Soutomaior" é unha mostra de carácter intimista dividida en catro ámbitos sobre a vida cultural, a familiar, o sanatorio Lluria e as circunstancias da perda do Castelo, na que se amosan obxectos inéditos ata o momento, como son algúns libros da súa filla Emilita, un xoieiro, fotografías e cartas, entre outros. A exposición, comisariada polo historiador Diego Piay, presenta paneis explicativos para situar ás persoas visitantes no contexto da época. Un período no que pasaron polo Castelo, políticos, intelectuais ou científicos protagonistas da historia, como Joaquín Sorolla, o escultor Benlliure, Castelao, Emilia Pardo Bazán ou aviador Védrines.


A mostra narra tamén a creación do sanatorio que cae en declive trala Gran Guerra, causa de que se reducise o número de persoas usuarias do sanatorio, o que provocou que Vinyals e Lluria tivesen que solicitar un préstamo que nunca chegarían pagar. María ata buscou novas fontes de ingresos, explotando os recursos produtivos na propia contorna do Castelo que non deron para saldar o endebedamento. E a isto engádese que os ideais políticos da propia parella estaban xa no "punto de mira", ata o punto de que a garda civil chegou a rexistrar o Castelo. Así, en 1917 a familia viuse forzada a abandonar a fortaleza e trasladarse a Madrid.


Na mostra inaugurada esta tarde colaboraron particulares de Vigo, Madrid, Zaragoza, Porto, Barcelona, Cuba e Londres que, de xeito desinteresado, puxeron os seus recordos ao servizo dunha exposición nada grazas á súa cooperación. Tamén aportaron os seus materiais institucións de Madrid (Instituto Internacional, Fundación Benliure, Museo Sorolla, Fundación Ortega y Gasset, Biblioteca Nacional de España) Galicia (Museo de Pontevedra, Real Academia Galega) e Londres (Dulwich College).


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: